A Real Academia Española (RAE) citou para esta quinta feira ás e aos seus membros para votar a aprobación dun comunicado no que se defenda “a importancia do español como lingua”. No entanto, fontes da institución desvinculan esta decisión do pacto entre PSOE, Unidas Podemos e Esquerra Republicana para que o castelán deixe de ser lingua vehicular obrigatoria no ensino.
“É certo que a RAE vai escribir un comunicado pero non será sobre a lei obxecto de debate estes días, senón sobre a importancia do español como lingua”, comentaron fontes do organismo ás preguntas de Europa Press.
A bautizada como 'Lei Celaá', que está deixando o conflito lingüístico novamente nas aulas galegas, vai ser debatida no Congreso, onde debe conseguir unha maioría absoluta (o si de 176 deputadas e deputados) para saír adiante. Mais a RAE afirma manterse á marxe.
Non é a mesma posición que segue o Instituto Cervantes, cuxo director, Luis García Montero, non ve a modificación da Lomce como un ataque ao castelán. Xa hai uns días o responsábel dicía estar “convencido” de que a reforma “favorecerá a integración e o bilingüismo máis que perseguir o español”.
Malia que non quixo polemizar fronte ás afirmacións doutras institucións, forzas ou partidos, Montero remarcou que non é negativo que a lingua vehicular no ensino poida ser outra en función dos territorios do Estado.
Unha riqueza social e cultural
“Debemos aprender que é un deber democrático que as sociedades respecten as linguas maternas. Non entendo moi ben estas loitas entre catalán e español, ou entre o vasco e o español, porque temos experiencia de convivencia e non hai que alarmarse”, reflexionou.
Na súa opinión o español “non está en perigo; é a segunda lingua do mundo”. De feito, considera que a existencia do “galego, o catalán e o euskera como linguas que conviven co español” no Estado non fan máis que enriquecer a sociedade e a cultura.
Así, alertou de que rexeitar ou renunciar a un bilingüismo por un enfrontamento sería un erro.