Radio 3 fai calar a 'Crudo'

A nova dirección da emisora española deixa Carne Cruda fóra da grella de programación. Din que os motivos non son políticos, senón económicos, mais o certo é que esta hora e media de crítica afiada é o único espazo diario que cesa a emisión. O seu director e condutor, o xornalista Javier Gallego, despídese da audiencia nunha carta

"Agora Radio 3 é máis radio. Na segunda arrinca a nova temporada, con paixón pola música e a cultura contemporánea", di no twitter a emisora española. Esqueceron colocar que para Carne Cruda non haberá máis temporadas. O programa que conduce e dirixe o xornalista Javier Gallego, unha hora ao día de crítica afiada e boa música, foi, tal e como temían @s ouvintes, censurado.

"Lamento moito ter que lles comunicar que a nova dirección de Radio 3 e RNE acaba de me despedir e levantou o programa da súa grella de emisión", explica Gallego nunha carta enviada á súa audiencia en que aclara que se no último programa da semana se despediu até setembro foi porque "confiei na palabra do acabadi de nomear director da emisora", Tomás Fernando Flores, quen lle asegurara que o programa seguiría nesta nova temporada. Quéixase o xornalista de que o despediron "con todas as programacións de radio pechadas e sen darme sequera a oportunidade de despedirme en antena".

Así as cousas, Tomás Fernando e Benito Pinilla alegaron "motivos económicos". Di 'Crudo' que por esta mesma razón aceptou hai un mes unha rebaixa do 20% do seu salario e da retribución das persoas que colaboraban para poder seguir en antena. "Mais agora seica a equipa directiva achou un burato no orzamento maior do que pensaban, e culpa á anterior dirección", continúa aclarando Gallego na carta enviada á audiencia a través da prensa.

Carne Cruda é o único programa diario retirado da grella, a pesar de ser o máis seguido nas redes sociais de toda RNE e de dobraren a audiencia media da emisora. "Din que nos botan porque o programa sae moi caro. Non teño ningún problema en publicar o meu soldo de autónomo, sen pagas extras nin dereito a vacacións. Cobro ao redor de 1.400 euros ao mes limpos", entrementres moitas colaboracións son desinteresadas e outras a cambio de 50€ "simbólicos" após traballaren gratis nas dúas primeiras temporadas.

Excusatio non petita, accusatio manifesta, anuncia 'Crudo' ao contar como Tomás Fernando apurou para lle explicar que o motivo do cesamento non era político. Cando o goberno español aproveitou a súa maioría absoluta para facerse cos controis na radio e na televisión públicas, pola cabeza de Gallego pasou Unamuno: "Venceredes, mais non convenceredes". Desta volta, e parafraseando un diálogo de Amanece, que no es poco, di o xornalista que "todos somos continxentes, mais a radiotelevisión pública é necesaria. Cómpre un medio de comunicación público, independente e crítico que sirva os cidadáns para controlaren este poder".

Máis en Mundo
Comentarios