Quince mulleres e quince homes dirixirán CxG con Xoán Bascuas como Secretario Xeral

CxG celebra hoxe o seu Congreso Constituínte do que sairá un Consello Político Nacional composto por quince mulleres e quince homes con Xoán Bascuas como Secretario Xeral.
Xoán Bascuas, candidato de CxG
photo_camera Xoán Bascuas, candidato de CxG

Despois dunha elección por listas abertas, o órgano de dirección de Compromiso por Galiza quedará hoxe constituído por quince mulleres e quince homes, poñéndose á cabeza na Secretaría Xeral, Xoán Bascuas, único candidato que concorre ao posto e que viña ocupando até o de agora a secretaría xeral en funcións.

Durante todo o día, nun hotel do concello de Teo, nos arredores de Compostela, terá lugar o Congreso Constituínte que se presenta co lema "Proxecto de País". O debate de emendas aos Estatus da organización e ao texto Político, Ideolóxico e Estratéxico ocuparán a maior parte da mañá no que a organización prevé un debate "moi participativo", en función do número de enmendas presentadas.

O documento político réxese, segundo sinalaron, por coordenadas de "galeguismo, o progresismo e a socialdemocracia" ámbito no que sinalan a súa vontade de seren unha forza "propositiva, construtiva e dialogante, pois só a partir desas premisas se pode construír unha alternativa de goberno", segundo manifestaron na presentación do Congreso. Convocan así a participaren no seu proxecto a "todos os que se sintan galeguistas e asuman a necesidade dunha maior xustiza social".

Como figura na súa páxina web, máis de cincuenta persoas optan a tomar parte do Consello Político Nacional, entre as que se atopan Xoán Antón Pérez Lema, Xosé Manuel Pérez Bouza, Francisco Xavier Verea, Sara Torreiro, Inma López Silva, Xulia Guntín, José Posada, Rafael Cuiña, Gonzalo Constela, Nando Casal, Sandra Araúxo, ademais do propio Xoán Bascuas. De saída, só quince mulleres optan aos quince postos que terán no CPN mentres que no caso dos homes, presentáronse máis do dobre dos que comporán o órgano de dirección de CxG.

Segundo a orde do día, despois das acreditacións, o Congreso comezará ás 10.00 co plenario para dar logo comezo ás eleccións a membros do Consello Político Nacional. Para as 16.00 está previsto o debate e votacións da Secretaría Xeral e a Executiva e as sete terá lugar o acto de clausura coa intervención de Xoán Bascuas xa elixido Secretario Xeral.

Comentarios