“Queremos Parcelarias en Agolada” reclama ante Medio Rural a reactivación dun proceso paralizado en 2009

O colectivo veciñal reclama que o proxecto leva paralizado desde 2009 e que o Estudo de Impacto Ambiental, no que se investiron 820.000 euros, caduca o 13 de decembro. A concentración abranguería 5.000 hectáreas de chan fértil, nas que hoxe funcionan varias explotacións do sector primario que dan traballo a 51 persoas.
Unha das concentracións que a da Asociación "Queremos Parcelarias en Agolada” celebrou ante o edificio do Concello (Asociación Queremos Parcelaria)
photo_camera Unha das concentracións que a da Asociación "Queremos Parcelarias en Agolada” celebrou ante o edificio do Concello (Asociación Queremos Parcelaria)

A Asociación “Queremos Parcelarias en Agolada” manifestarase esta quinta feira, 21 de novembro, ante a Consellaría de Medio Rural. Veciñas e veciños do municipio reclaman que se aprobe a concentración de 5.000 hectáreas repartidas entre oito parroquias. O proceso iniciouse en 2002, cunha recollida de sinaturas, e os traballos comezaron en 2004. A Asociación alerta de que o Estudo de Impacto Ambiental do proxecto, no que se investiron 830.000 euros, caducará o 13 de decembro.

Juan Carlos Fuciños é presidente da Asociación “Queremos Parcelarias en Agolada”, nada en 2017. Explica que os traballos da concentración ficaron nun limbo en 2009, coa chegada de Alberte Núñez Feixoo á Xunta de Galiza. “Daquela alegaron falta de presuposto”, di. Desde entón a Asociación dirixiuse ao Goberno local, ao Parlamento de Galiza e a Valedora do Pobo para reactivar o proceso, en van.

Silencio administrativo e vetos do PP

O 3 de marzo 220 veciños e veciñas de Agolada reuníronse co Director Xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois. “O propio Dubois participou na redacción do Estudo de Impacto Ambiental, cando aínda non era Director. Hai unha frase, avalada por el, que di ‘aproveitamento non acorde coa calidade do terreo por un problema grave de minifundismo’”, explica Fuciños. Frase que lle recordaron ao xefe de Departamento na reunión.

Daquela Dubois trasladou ás veciñas que a Consellaría estaba traballar nunha nova lei que calculaban aprobada no mes de xuño. Non obstante, a Xunta de Galiza anunciou que a Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia á que facía referencia comezaría o seu trámite parlamentar en novembro. O Director Xeral tamén asegurou á Asociación que un técnico estudaría o caso en maio e que se porían de novo en contacto en xuño. “Aínda non sabemos nada diso. Enviamos unha carta á Dirección Xeral e á Consellaría de Medio Rural para que nos recibiran e nin sequera responderon”, lamenta Fuciños.

A Unión Europea non da cartos para que estes rematen no caixón lixo, afirma Fuciños

A vía parlamentar, denuncia o voceiro da sociación, tampouco deu resultados. “O 4 de outubro, durante a Comisión de Agricultura, e continuar co proceso, agás os sete representantes do Partido Popular. Motivos? ‘Votamos en contra’, non deron máis motivos”. Da banda local, o anterior Goberno de Agolada, do Partido Popular, desouviu as demandas da asociación. "O novo alcalde si se interesou, reuniuse connosco", destaca o presidente da Asociación.

O colectivo decidiu elevar a súa petición ao Parlamento Europeo, da man da eurodeputada do BNG Ana Miranda. “A documentación xa está lista, falta que se presente a petición. Por que o Parlamento Europeo? Porque unha parte do orzamento empregado no Estudo de Impacto Ambiental, 600.000 euros, procede de fondos europeos. Consideramos que a Unión Europea non da cartos para que estes rematen no caixón lixo”, afirma Fuciños.

Terras fértiles á beira do Ulla

A superficie total do proxecto de concentración abarca 5.000 hectáreas das parroquias de Sexo, Agra, Baíña, Eidián, Ramil, Basandre e Berredo. “A zona é fértil, pois sete desas parroquias están situadas na ribeira do Ulla. Na actualidade as terras están abandonadas, pois o minifundismo é extremo. Cada hectárea abrangue unhas 8,7 fincas e a media das fincas é de 1200 metros cadrados, o cal fai inviábel planificar unha plantación ou alugar terras para a gandaría”, explica Fuciños.

“Agolada é un concello moi dinámico no sector primario, con explotacións de porcino, avícolas e algunha granxa de vacún de leite. Nas oito parroquias traballan varias empresas, que suman en total 51 postos de traballo, máis que o polígono industrial de Agolada. Unha delas, a granxa Sueiro, recibiu o premio Porc d’Or , un dos máis importantes a nivel estatal”, engade o presidente da Asociación.

Agolada é un concello moi dinámico no sector primario, salienta Fuciños

A concentración, salienta Fuciños, é fundamental para varias destas industrias, que procuran ampliar os seus terreos. Tamén para a instalación de novos proxectos. “Un deles é avícola en ecolóxico, outro de plantación de castiñeiros microrrizados para o cultivo de castaña e cogomelos. Todos eles, presentados na Xunta, sumarían arredor de 30 empregos. Consideramos que isto é fundamental para a Agolada, mais semella que a Xunta non ten interese”, lamenta Fuciños.

Comentarios