LUíS BARá (Nº1 NóS CANDIDATURA GALEGA POR PONTEVEDRA)

“Queremos que Galiza teña protagonismo de por si no Congreso, sen ser satélite nin actor secundario”

Á espera da ratificación por parte das asembleas comarcais que se realizan no país, Luís Bará será o candidato do BNG-Nós Candidatura Galega ao Congreso por Pontevedra. Así o propuxo a Executiva Nacional do Bloque. Concelleiro en Pontevedra, asegura que de saír elixido deixará a Corporación Municipal e dedicarase “en corpo e alma” a representar Galiza en Madrid.

[Imaxe Pontevedra Viva] No centro, Luís Bará
photo_camera [Imaxe Pontevedra Viva] No centro, Luís Bará

Como recibe a noticia de ser elixido pola Executiva do BNG para encabezar a candidatura por Pontevedra?

Con moita responsabilidade polo que supón este reto, que ademais ten lugar nun momento difícil. Recíboo con moita confianza e ilusión, sabendo que temos unha parte do pobo galego que nos ve como referencia política. Temos que facer traballo intenso para convencer as persoas de que é posíbel e necesario que o BNG-Nós Candidatura Galega teña presenza en Madrid. Se o BNG está, Galiza está en Madrid.

A lexislatura certifica unha certa orfandade que sente parte do pobo galego ao non verse representado en Madrid

Que lectura fai das eleccións do 20D?

As pasadas eleccións xerais puxeron en evidencia a ausencia de forzas políticas propias que defendesen os intereses de Galiza en Madrid. Neste sentido, é unha lexislatura fracasada e falida e certifica unha certa orfandade que sente parte pobo galego ao non verse representado polo feito de que Galiza carecera de voz propia.

Que diferenza a de BNG-Nós Candidatura Galega doutras listas?

A principal é que a nosa é unha candidatura 100% galega, sen ningún tipo de subordinación nin obediencia a forzas estatais. Queremos que Galiza teña protagonismo de por si na política estatal e que non sexa un satélite nin un actor secundario. Nestes meses, Galiza foi figurante neste espectáculo de opereta da política madrileña. Nós imos facer un traballo intenso para convencer a xente de que é necesario que Galiza teña protagonismo. Ademais, nos próximos anos posibelmente vaia reconfigurarse o mapa político ou, cando menos, debaterase arredor da cuestión territorial e Galiza ten que estar aí. A única garantía é que haxa forzas políticas propias. No caso doutras forzas vimos que non cumpriron ese obxectivo e ese compromiso co que se presentaron.

A presenza do BNG no Congreso foi garantía da defensa de Galiza

Que conclusión tira dos últimos cinco meses para Galiza a nivel estatal?

Foi un tempo perdido, non tivemos esa presenza protagonista nos debates e nas negociacións. Tamén se pode dicir ao mesmo tempo, tirando de ironía, que ao non haber un novo Goberno tampouco se tomaron medidas negativas para o país. A experiencia dinos que Gobernos de esquerdas e de dereitas adoptaron medidas moi negativas para o noso país e a presenza do BNG no Congreso foi unha garantía da defensa de Galiza e iso é algo que queremos poñer en valor, o orgullo polo país e a confianza no país. Fronte a un certo desprezo que sentimos nestes meses, imos reivindicar o traballo e a loita dos deputados e deputadas do BNG que estiveron poñendo Galiza no lugar que merecía.

Vese como deputado do BNG-Nós en Madrid aínda que as enquisas non sexan favorábeis?

Eu véxome nestas semanas facendo un traballo intenso por todo país, sobre todo na circunscrición de Pontevedra, coa forza que sinto da xente que esta con nós: militancia, persoas que simpatizan coas nosas propostas... Danme moita forza e enerxía para tratar de convencer o espazo político ao que dirixirnos, un espazo político que existe, e que pode darnos unha resposta positiva en xuño. As urnas dirán cal é o noso lugar. Darémolo todo para que o BNG-Nós Candidatura Galega poida ter presenza en Madrid.

Dedicaríame en corpo e alma e a tempo completo a esa representación

Deixaría o Concello no caso de saír elixido?

Si claro. Aínda que legalmente non hai incompatibilidade, nós entendemos que a representación de Galiza en Madrid require dedicación absoluta e plena e iso non se pode compatibilizar co Concello. Eu dedicaríame en corpo e alma e a tempo completo a esa representación.

No caso de saír elixido deputado, cales serían as primeiras medidas que presentaría?

Todo o que ten a ver co potencial e a riqueza que ten Galiza, malia as políticas contrarias ao país que se nos impoñen. Cuestións concretas que son de emerxencia nacional e social e ás que temos que facerlle fronte: como a prórroga a ENCE que permite perpetuar esa industria contaminante; todo un conxunto de iniciativas a respeito dos sectores que están a ser agredidos por políticas europeas e do Estado, como os emigrantes retornados, os preferentistas...; así como a defensa, con contundencia e sen contemplacións, como sempre fixo o BNG, dos sectores produtivos galegos.

Imos facer unha campaña en positivo e con confianza nas posibilidades e potencialidades do pais, trasladando que este país ten futuro

Como encara a campaña electoral?

Imos facer unha campaña en positivo e con confianza nas posibilidades e potencialidades do pais, trasladando que este país ten futuro. Estamos diante dunha situación de emerxencia nacional e social e imos poñer en valor elementos positivos do país. Queremos xerar ilusión xente.

A foto da capa está tirada de PontevedraViva.Com

Comentarios