Queremos Galego urxe a protección dos dereitos lingüísticos da Galiza

Centos de persoas esixen na rúa que a Xunta actúe perante a situación de "emerxencia lingüística" e cumpra coas demandas do Consello de Europa. A plataforma cidadá Queremos Galego celebrou concentracións en Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo.

 

Concentración en Santiago
photo_camera Concentración en Santiago

A plataforma cidadá Queremos Galego volveu ocupar as principais prazas da Galiza para denunciar a situación de emerxencia lingüística que vive o país. Centos de persoas xuntáronse baixo a chuvia para exixirlle ao Executivo da Xunta e ao Goberno do Estado que atenda os requirimentos do Comité de Ministros do Consello de Europa, e así, cumprir os mandados da Carta europea das linguas rexionais e minorizadas.

O que o movemento galego pola lingua cualifica de emerxencia lingüística é o resultado directo das políticas do Goberno da Xunta, que coa aprobación do decreto de 2010 impuxo un modelo que exclúe a posibilidade dunha educación plena en galego “co castelán como idioma predominante”, incidiron desde Queremos Galego.

Segundo puxo de manifesto a plataforma social na súa convocatoria a prol do galego, os datos que expresa o Instituto Galego de Estatística en materia lingüística son moi preocupantes, “nomeadamente ese 24% de rapaces e rapazas menores de 15 anos que din ser incapaces de falar galego”. Esa cifra, di, evidencia a necesidade urxente de acometer as reformas normativas que tamén reclama o Consello de Europa, encargado de velar pola defensa da democracia e da execución da Carta europea das linguas.

A exclusión do galego

Nesta liña, Queremos Galego denunciou durante a lectura do seu manifesto “a exclusión do galego da vida social, económica, cultural, mais tamén da educativa, co decreto mal chamado de plurilingüismo, que estendeu o veto sobre a nosa lingua a todas as etapas do ensino infantil e do obrigatorio, prohibíndoo por primeira vez na historia democrática para as materias da área científico técnica”. Por iso, reclaman unha viraxe e a fin do modelo lingüístico actual, co obxectivo de garantir “o avance do galego como lingua vehicular de todo o ensino”.

Sobre a exclusión do galego na Administración, na xustiza e nas actividades socioeconómicas, asegura o colectivo que “non é un problema de demanda” senón de negación dos dereitos lingüísticos propios “que son os dereitos humanos que ampara a Carta europea das linguas”.

Queremos Galego reclama unha viraxe e a fin do modelo lingüístico actual, co obxectivo de garantir “o avance do galego como lingua vehicular de todo o ensino.

Queremos Galego reivindica a mobilización da sociedade como símbolo vivo das demandas civís en materia lingüística, e como principal valedora do galego. Por iso, urxe o cumprimento das recomendacións do Consello de Europa e sinala a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado como máximos responsábeis da emerxencia lingüística que atravesa o territorio. "Teñen obrigas que cumprir", recalcou.

“A emerxencia lingüística ten solución”, afirmou a plataforma cidadá na recta final da lectura do seu manifesto. “O DOG debe promover e protexer o galego e o BOE debe deixar de atacar a realidade plurilingüe do Estado para comezar a recoñecela sen restricións”, concluíu.

Comentarios