Queremos Galego prevé unha manifestación masiva o 17 de maio

A plataforma reivindicará o dereito a vivir en galego fronte aos ataques da Xunta ao idioma.

Dc_tDccXkAEc-jx

A plataforma cidadá Queremos Galego presentou este sábado o acto final da manifestación que o vindeiro 17 de maio percorrerá as rúas de Compostela baixo o lema “En galego día a día”.

Marcos Maceira, voceiro da plataforma, acompañado de Nieves Rodríguez,  presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, e membros da xestora de Queremos Galego,  explicou os diversos actos  que se desenvolven nas comarcas para informar da manifestación. Na web www.queremosgalego.gal aparece recollida toda a información dos buses a disposición de todas as persoas que desexaren acudir a.

Queremos Galego quer que a manifestación sexa un exemplo dunha sociedade, a galega, que consegue manter viva unha lingua “que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática tal como mostran decisións como a desaparición do Diario Cultural”. “En Galiza é o propio goberno galego, co presidente Feixó á cabeza, quen actúa como un vulgar delegado do goberno español, renegando das funcións que lle dá o estatuto de autonomía e da alta representación de Galiza que debería exercer”, dixo Maceira. Como consecuencia, sinalou, “o galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e carece de apoio do seu propio goberno”.

Para Nieves Rodríguez, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, é necesario reivindicar a lingua  e destacou que como traballora do audiovisual “facemos contidos para galegas e galegos. Como comunicadora que son non podo máis que defender a miña lingua”.

Acto festivo e reivindicativo

O 17 de maio a manifestación de Queremos Galego será un acto festivo e reivindicativo. Participarán centos de colectivos e entidades de ámbitos moi diversos que teñen en común a defensa do galego. A manifestación rematará na praza da Quintana onde a comunicadora e actriz, Nieves Rodríguez, galardoada co premio á mellor comunicadora  nos premios Mestre Mateo deste ano polo seu traballo no programa Vaia Troula!, conducirá o acto final.

Haberá a lectura do manifesto ‘En galego día a día’ por persoas destacadas de diferentes ámbitos como a xustiza ou a administración onde existen moitas trabas á hora de usar o galego. Actuarán para as miles de persoas Franki e os labregos da linguaxe co rap “Rapea, que a lingua non para” que é o manifesto gañador do Correlingua 2018. 

Comentarios