Demandan a Feixoo que informe da COVID-19 en galego

A plataforma cidadá pola defensa da lingua Queremos Galego considera que o "desprezo" do presidente da Xunta ao galego, "excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia", non só "non contribúe á loita contra a epidemia", senón que "incide en prexuízos ideolóxicos".
queremos galego letras 2019
photo_camera Manifestación de Queremos Galego durante a última edición do Día das Letras. (Foto: Nós Diario).

Queremos Galego -plataforma cidadá pola defensa da lingua integrada por máis de 600 entidades- lanza unha petición ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, para que ofreza a información sobre a pandemia do coronavirus na lingua do país.

O colectivo denuncia que na crise da COVID-19 “a nosa lingua está a ser excluída da maior parte das informacións e mensaxes das autoridades públicas, tanto en comparecencias como en insercións publicitarias, incluídas as intervencións do presidente da Xunta que abandona o uso do noso idioma no exercicio das súas funcións, precisamente nos momentos de maior transcendencia. Usando reiteradamente o castelán para se dirixir ao conxunto de galegas e galegos, o que redunda no falso prexuízo da inutilizade da nosa lingua para o realmente importante”

“Lembrámoslle que desprezar o galego, excluíndoo de mensaxes de tanta relevancia, non só non contribúe á loita contra a epidemia, senón que incide en prexuízos ideolóxicos sobre a nosa lingua e sobre Galiza”, apuntan desde a plataforma.

"Negar a utilidade do galego, renunciando ao usalo como o seu máximo representante institucional é tamén negar a capacidade do pobo galego perante a crise”, sinala Queremos Galego, que considera que a “obriga” do presidente da Xunta é “defender todos os dereitos da cidadanía galega á que representa, e iso é incompatíbel con converter a nosa lingua noutra vítima do COVID-19".

Comentarios