Opinión

Quen son os violentos?

Os mariñeiros do cerco levan meses denunciando a súa precariedade. A causa non é que o peixe fuxira, que os caladoiros se esgotaran. A causa chámase Unión Europea e Goberno Central que gobernan contra os lexítimos intereses da nosa pesca;  tamén  se chama Xunta de Galiza, que renunciou a calquera xesto de defensa real do sector pesqueiro galego.

Os mariñeiros do cerco levan meses denunciando a súa precariedade. A causa non é que o peixe fuxira, que os caladoiros se esgotaran. A causa chámase Unión Europea e Goberno Central que gobernan contra os lexítimos intereses da nosa pesca;  tamén  se chama Xunta de Galiza, que renunciou a calquera xesto de defensa real do sector pesqueiro galego. “Son catro tolos que tiran pedras” dicía a Conselleira Quintana no Parlamento ante a demanda do BNG de solucións ao sector. Cando o suposto  Goberno Galego despreza deste xeito aos seus cidadáns como imos conseguir respecto alén do Piornedo?

“Son catro tolos que tiran pedras” dicía a Conselleira Quintana no Parlamento ante a demanda do BNG de solucións ao sector".

Mais unha vez evocamos a Castelao.... as sardiñas volverían se os gobernos quixeran... e a xarda, e o xurelo.... Precisamos Gobernos que realmente defendan os nosos intereses. É a historia repetida do pobo galego, tecer e destecer! Porén a historia non se reproduce mimeticamente. Galegos e galegas emigramos, mais tamén protestamos, saímos a rúa a defender democraticamente os nosos dereitos. É evidente que o problema non é a crise financeira, senón que son outros quen deciden por nós. Resumíao maxistralmente un dos mariñeiros cos que falei a semana pasada: “Estannos arruinando, non nos deixan traballar. Galiza é un país rico e acabaremos comendo peixe de Noruega, patacas de Exipto e leite de Franza”. Acerta este mariñeiro e describe o destino que outros escribiron por nós.

Mais a reacción do goberno é o desprezo, ao pobo, aos dereitos civís e as liberdades públicas. A resposta é a represión e a criminalización.  Son vellas receitas, cada vez menos eficaces. Vivín en primeira persoa a desproporcionada carga e as imaxes reflicten claramente quen usou a violencia e con que dureza. Porras e pelotazos de goma contra os traballadores e traballadoras do mar. Ao día seguinte a verdade non estaba escrita na tinta do xornal. O poder ten o vicio de presentar as vítimas como verdugos. Defenderse é lexítimo. Igual que interceder ante o abuso. Iso foi o que fixo a compañeira do BNG, Montse Prado. Un acto digno, que a engrandece, mais xa vemos que molesta e moito. 

"Defenderse é lexítimo. Igual que interceder ante o abuso. Iso foi o que fixo a compañeira do BNG, Montse Prado. Un acto digno, que a engrandece, mais xa vemos que molesta e moito". 

As declaracións do Sindicato Unificado de Policía confirman a miña tese e desde logo, fanlle un fraco favor a Policía. Non só demostran zunia antinacionalista, senón serviren a unha estratexia política do PP que os sitúa fóra da legalidade vixente -que obriga aos corpos e forzas de seguridade á imparcialidade política-. Mais supoño que o Delegado do Goberno, o Sr Juárez amparará todo o que sexa preciso. Non en van debe estar orgulloso da súa labor no ámbito represivo: situou a Galiza nos primeiros postos na recadación por multas a colectivos sociais que protestan contra os recortes e políticas do PP. Fixádevos, case o 20% do recadado por multas en mobilizacións socias de todo o estado correspóndelle a Galiza. 

Mais que lles que quede claro que non imos acovardarnos, nin calar. A estratexia do PP é evidente desde hai moito tempo, ten poderosos aliados, tamén tontos útiles. Porén, non se pode enganar a todos todo o tempo e cada vez as mentiras do Sr Feijóo son máis patentes. O acontecido co cerco é só unha pinga máis. Seguiremos defendendo a este pobo e confeso que cada día síntome máis orgullosa de compartir militancia con persoas que non están dispostas a mirar para outro lado,  poñerse de perfil ante os problemas ou pasar de largo ante as inxustizas. Acusar aos traballadores do cerco de violentos é revirar a realidade: eles están defenden o seu pan e dos seus fillos e fillas. A violencia é a das porras, a das pelotas de goma ou da quen negan o dereito a vivir dignamente do seu traballo.

Comentarios