Imprimir

O "escuro" rastro do coronavirus

A. Barbadillo | 22 de xullo de 2020

Sete persoas continúan hospitalizadas por coronavirus na Galiza. (Europa Press)
Sete persoas continúan hospitalizadas por coronavirus na Galiza. (Europa Press)
O rastrexo de contactos das persoas afectadas polo coronavirus é un dos mecanismos que se revelaron eficaces para controlar os brotes e evitar a propagación da epidemia. Na Galiza, este seguimento foi derivado pola Xunta a unha plataforma de xestión privada da que apenas se trasladan datos, máis alá da súa "absoluta dilixencia e rapidez". Colectivos sanitarios reclaman maior información e coordinación co sistema público de saúde para xestionar os abrollos presentes e futuros.  
 

Coordinación e información. Son, segundo recoñecía onte mesmo o vicepresidente en funcións da Xunta, Alfonso Rueda, os elementos "chave" que fan eficaz o rastrexo de contactos das persoas afectadas pola Covid-19 en casos importados, un dos mecanismos esenciais para rachar as cadeas de transmisión do virus e controlar a súa propagación, e son tamén algunhas das principais eivas que desde distintos sectores da sanidade afean ao sistema que está a empregar a Xunta. 

Desde o 11 de maio, o día no que Galiza entrou na fase 1 do proceso de recuperación da normalidade após dous meses de confinamento case total, a Consellaría de Sanidade puxo a andar unha plataforma tecnolóxica de seguimento para desenvolver eses traballos de rastrexo, identificar posíbeis focos de contaxio e a súa orixe, consonte o protocolo estatal que pauta a aplicación destes mecanismos diante da sospeita dun caso.

Segundo a información transmitida naquela data polo Sergas, o equipo deste dispositivo, que foi externalizado pola Xunta, contaría inicialmente con 20 persoas operadoras para chegar até 50 profesionais, un dato que a Administración sanitaria, a preguntas de Nós Diario, evitou actualizar no día de onte. 

A súa función sería activar, unha vez detectado polo sistema de saúde público un caso sospeitoso, unha primeira enquisa sobre as persoas coas que este puido manter contacto estreito nas dúas xornadas previas ao comezo dos síntomas –considerando contacto estreito ter pasado máis de 15 minutos con alguén a menos de dous metros de distancia– para, no caso de resultar positiva a proba PCR da persoa baixo sospeita, illar durante 14 días eses contactos e evitar unha posíbel transmisión.

Sen datos sobre a orixe

Á vista dos datos que se recollen nos últimos informes do Instituto de Saúde Carlos III, dependente do Ministerio de Sanidade, o sistema ou a súa aplicación teñen marxe para a mellora, sobre todo no que ten a ver coa detección da orixe: no estudo referido ao período que vai desde o inicio do desconfinamento ao pasado día 17, publicado esta semana, estabelécese en 42,4% a taxa de casos galegos na que non se deu detectado o contacto coa persoa afectada (por debaixo da media estatal, de 49,6%, pero moi por enriba de territorios como Euskadi, 11,9%, Andalucía, 14,9%, ou Madrid, 25,6%). 

Isto significa que en 196 dos 462 casos de coronavirus que se notificaron desde Galiza á Rede de Vixilancia Epidemiolóxica a partir do 10 de maio e até hai cinco días non se puido identificar a forma de contaxio, unha cifra que case se duplicaba no informe anterior, publicado hai unha semana, que elevaba a porcentaxe de descoñecemento até 80,9%, con 355 casos sen contacto coñecido, a máis alta do territorio estatal. 

"O problema é que temos escasa ou nula información do que se está a facer desde a contrata de rastrexo, que é externa ao Sergas. Sempre estamos nestas dinámicas de facer cousas desde fóra e o que se resente é a coordinación e a información", advirte, desde a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, o doutor Jesús Sueiro, quen lamenta que Atención Primaria "perda" a información sobre os casos unha vez pasan aos centros de seguimento de contacto contratados pola Administración galega.

"O escurantismo é total", corrobora Montse Porteiro, coordinadora da Plataforma en defensa da sanidade da Mariña, á vista da xestión do brote de coronavirus detectado hai un mes nesa comarca, o máis grave da Galiza desde a fin do estado de alarma, con até 224 casos activos, segundo apuntaba o Sergas nun informe remitido aos xulgados, con datos de hai dúas semanas. Nesa data, a cifra de persoas enfermas que se comunicaba publicamente era sensibelmente inferior: 165 casos activos e 25 altas.

"O control na Atención Primaria pérdese completamente. Os datos de saúde pública deben levarse desde a sanidade pública e non desde unha plataforma privada, un call center", censura a representante deste colectivo, un dos que denunciaron, en vésperas da xornada electoral, a falta de transparencia de Sanidade sobre a evolución do abrollo.

Naquela convocatoria, profesionais da saúde de distintos servizos da comarca alertaron do mal funcionamento da plataforma de detección de contactos da Xunta no seguimento de contactos de casos positivos, realizado a cargo de persoal "non sanitario" e da presión que revertía na Atención Primaria, que tiña que asumir o labor de "convencer" os contactos detectados, pero aínda non confirmados e mesmo sen síntomas, de gardar dúas semanas de corentena.

"Este traballo tiña que estar coordinado desde a Atención Primaria, estamos ante un novo caso de privatización", lamenta María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, sindicato que avoga por encomendar o rastrexo de contactos a profesionais integrantes nas listas do Sergas, "xa que se manexan datos persoais e clínicos de pacientes". 

Ademais,  CIG reclama unha maior dotación de recursos para a Atención Primaria, que é a porta de entrada dos posíbeis positivos ao sistema sanitario. "Ademais do traballo engadido que teñen polo coronavirus, están tendo que asumir, de forma xeneralizada, os cupos das e dos profesionais que están de vacacións", apunta Abuín. 

Falta de previsión

Sen máis información sobre o número de profesionais que realizan o seguimento, nin do perfil das persoas rastrexadoras –a Xunta non facilitou ningún destes datos a este xornal–, os colectivos sanitarios reclaman "prevención" e investimento perante previsíbeis abrollos, vista a situación noutros territorios. 

"Non hai que esquecer que a condición periférica da Galiza fixo que a circulación do virus fose escasa e a incidencia, tamén escasa, pero se as cousas veñen peor dadas, 20 persoas rastrexadoras non parecen suficientes", opina o doutor Sueiro, quen calcula nunhas dez horas de traballo a busca de contactos por cada PCR positiva. Neste sentido, o facultativo detecta unha certa "falta de previsión" por parte da Administración galega de cara a escenarios máis complexos. "Agardamos que non cometa a torpeza de aforrar catro pesos, porque investir en control de contactos é aforrar: un novo confinamento sería durísimo para o PIB", observa.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/quen-rastrexa-rastrexo-contactos/20200721202113101854.html


© 2020 Nós Diario