Opinión

Quen matou Soleimani?

Algúns aspectos do asasinato de xeneral Qasem Soleimani, o xefe máis carismático dos Gardas da Revolución (CGRI) e comandante da poderosa Forza Quds, xeran bastantes dúbidas sobre a causa real da súa execución. Unha acción desa envergadura (un magnicidio) persegue algo máis que a eliminación física dun xeneral, por moi importante que este sexa. É probábel que a administración Trump pretendese, con ese golpe, crear un estado de shock en Irán co obxecto de conseguir un logro de máis alcance. O plan contra o país persa comezou hai tempo, cun paquete de sancións económicas de enorme impacto social, provocando manifestacións multitudinarias, á súa vez reprimidas con violencia polas autoridades. De forma paralela, durante os últimos meses, Trump recruou o seu plan de acoso (xunto a Israel) cunha serie de accións militares en Iraq contra as milicias xiís Kataeb Hezbolá, apoiadas por Irán, causándolle numerosas baixas.

Como represalia, e sen decatarse de que estaban caendo nunha trampa, centos de milicianos atacaron a embaixada de EUA en Bagdag. Acababan de poñerlle en bandexa o casus belli que necesitaba Trump —baixo unha forte presión de Israel— para materializar as súas ameazas contra o réxime dos aiatolás e favorecer a súa reelección. Porén, o magnicidio de Soleimani resulta excesivo, incluso se foi para neutralizar unha aventura de máis alcance de Israel, como sosteñen algúns. Pero igual de estraña foi a represalia dos iranios a unha base americana, pactada con EUA, sen ocasionar baixas e danos significativos. Esta estrambótica secuencia de acontecementos suscita algunhas preguntas: 1)Como un dirixente clave de Irán, e experimentado como Soleimani, pode cometer un erro tan grave en plena crise da embaixada expoñendo inutilmente a súa vida? 2) Foi vítima dunha traizón? 3)  Como hai que entender o “ataque pactado” de Irán contra seu maior inimigo? 4) Hai un pacto oculto entre EUA e algúns sectores do réxime, e se é así con que obxectivo?

Se a esta estraña serie de acontecementos engadimos o dramático derribo polo CGRI do Boeing 737 ucraíno, por un “erro involuntario” do operador dunha batería de mísiles, versión adiantada case palabra por palabra polo propio Trump ao día seguinte do sinistro, o que se debuxa podería ser bastante revelador. Non é un segredo a existencia de diverxencias internas na cúpula irania. Especialmente, entre a alianza Alí Jamenei-CGRI e o sector do presidente Rohani, de tendencia “moderada”. Os roces entre Rohani e Soleimani eran coñecidos, e co asasinato deste último o poder dos CGRI queda nun estado delicado. E aínda máis co derribo do Boeing, feito que terá un impacto negativo considerábel no prestixio dos Gardiáns da Revolución e dos seus líderes, tanto no seo do poder islámico, como ante o pobo iranio. Esta división favorece a EUA e a Israel, pero tamén a Rohani na súa tirapuxa co CGRI, abrindo moitos interrogantes sobre quen está realmente detrás de todos eses estraños acontecementos e o seu alcance final. Porén, entre tantos interrogantes, hai algo claro e positivo: Iraq esixe a retirada das tropas de EUA do seu país.

Comentarios