Imprimir

Quen se impón a quen na Galiza?

Xacobe Ferreiro | 19 de novembro de 2020

Concentración de Queremos Galego en Compostela contra a persecución do galego. (Foto: Arxina)
Concentración de Queremos Galego en Compostela contra a persecución do galego. (Foto: Arxina)
Non foi casual que a aprobación do decreto de plurilinguismo, tras o triunfo electoral de Alberto Núñez Feixoo nas eleccións galegas de 2009

O discurso da imposición lingüística é o acompañante ideolóxico das políticas de persecución contra o galego. Non foi casual que a aprobación do decreto de plurilinguismo, tras o trunfo electoral de Alberto Núñez Feixoo nas eleccións galegas de 2009, viñese precedido de toda unha campaña impulsada desde a caverna ideolóxica onde se denunciaba a suposta vulneración dos dereitos dos españolfalantes en base a unha presunta lexislación que impoñía o uso do galego. Galiza converteuse así no laboratorio da nova proposta lingüística do Partido Popular, aplicada posteriormente nas Illes Balears e pensada para pór en práctica en Euskadi e Catalunya cando a correlación electoral o permitise.

O relato da imposición lingüística é outro produto da factoría da Fundación de Análise e Estudos Sociais (FAES) de José María Aznar, no marco do seu programa de recentralización do Estado enunciado doutrinalmente a partir da formulación do concepto de patriotismo constitucional, reelaborado en base á idea homónima do pensador alemán Jurger Habermans e recuperada para o caso español polo dirixente socialista Juan José Laborda.

Non é de estrañar o amplo consenso desta formulación no espazo da dereita e dunha parte substantiva da esquerda española como se volveu comprobar estes días no ámbito parlamentario galego e español pero, tamén, en  manifestos como o promovido por dirixentes socialistas como Cándido Méndez, Alfonso Guerra ou Antonio Miguel Carmona.

O debate sobre a nova lexislación educativa trouxo de novo á primeira liña da actualidade os argumentos construídos desde a FAES. O secretario xeral do Partido Popular da Galiza, Miguel Tellado, non dubidou en criticar “os modelos educativos que apostan pola inmersión lingüística”, en denunciar “as políticas de imposición” e en rexistrar unha iniciativa no Parlamente da Galiza en defensa do idioma español. Só unhas horas despois de que os populares formalizasen unha proposta na Cámara galega, a presidenta do Congreso, a socialista catalá Meritxell Batet, retirou a palabra aos voceiros do BNG, Néstor Rego, e das CUP, Albert Botrán, por non expresarse “na lingua común”, evidenciando a verdadeira situación idiomática do Estado.

A ficción non pode coa realidade tampouco no debate sobre a imposición lingüística. Segundo os datos divulgados pola Mesa pola Normalización Lingüística existen no Estado preto de 550 disposicións legais que obrigan ao uso do idioma español e ningunha ao emprego do galego.

Ao tempo, institucións internacionais como o Consello de Europa cuestionan a política lingüística do Goberno galego, instándoo a que “se deben eliminar as limitacións ao ensino do galego na Galiza”. Nesta liña, os propios datos achegados por un organismo dependente da Xunta da Galiza como o Instituto Galego de Estatística (IGE) sinalan que 24% das galegas e galegos menores de 15 anos non falan nin escriben en galego.

Queremos Galego vén de dar o último toque de atención sobre esta situación. Nunha concentración convocada na xornada de onte en Compostela, o voceiro da entidade, Marcos Maceira, denunciaba “os casos de ataque ao galego polo Goberno do Estado, exemplificados nos últimos meses na negativa do Ministerio de Igualdade a non permitir o uso nas súas convocatorias doutro idioma que non fose o español” e advertiu de que “a Xunta da Galiza está aproveitando as circunstancias actuais para reducir aínda máis a presenza do idioma no sistema educativo”. A batalla está servida porque o conflito lingüístico non para, só dá treguas.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/quen-impon-quen-galiza/20201118201715109353.html


© 2020 Nós Diario