Debate do Estado da Nación

Quen enterra Feixoo?

Os grupos foron avanzando nestes días cales serán as súas estratexias para o debate do estado da nación desta cuarta feira, o último da lexislatura, e o último de Feixoo segundo o desexo unánime da oposición.
[Imaxe: SG] Feixoo no Parlamento
photo_camera Feixoo, no Parlamento.

Feixoo chega ao último debate do Estado da nación da lexislatura dous corpos por detrás da oposición, din os datos das eleccións da pasada primavera. Mais el é un especialista en remontadas. Feixoo galopa con desvantaxe pero faralle sentir o seu alento a Caballero, que non pode ir o Parlamento cantar o temario como se alí bastase con meter cóbados para aprobar. 

Feixoo, canso do pasado, mira cara a próxima década

O PP non quere perder moito tempo en “cuestións alleas a Galiza”, dixo Pedro Puy a segunda feira, xusto antes de advertir os condicionamentos que supoñen “a situación política española e a situación da economía internacional. Puy insistiu en que o presidente mirará “cara adiante” no seu discurso, e onte a oficina da Presidencia precisou ese futuro: a próxima década, colocando como moutas “os tres próximos Xacobeos”. 

O desgaste do PP é evidente se miren os números que se miren, e o propio líder popular tamén perdeu encanto. Xa non o reclaman en Madrid. Faise maior (58 anos) e non avanzou o que prometía na xerarquía do partido. Antes do debate marchou dar unha volta pola Arxentina para coller folgos. Veremos que trouxo. A oficina da Presidencia avanzou parte do cadro que pintará Feixoo con “doce medidas para doce meses [os que faltan até as eleccións]”.   

Feixoo, un presidente con pouco futuro, venderá a ilusión dunha próxima década tan marabillosa como (tampouco) o foi esta.

A oposición intentará desvelar o engano e pintará un cadro atroz da década de Feixoo. Iso enténdese ben na rúa, onde se sofre.

Caballero, limitar danos

O candidato (aínda non líder) socialista ten que vender 1) a si mesmo como alternativa a Feixoo, e 2) ao seu partido como alternativa ao PP. 

Gonzalo Caballero. Decembro de 2017. Parlamento galego.Caballero recortou a axenda esta semana. Leiceaga substituíno na rolda de prensa da segunda feira e na terza dedicou o día a preparar a súa intervención. Máis que propostas, o que se espera do aspirante socialista é que saiba devolver as lapadas que lle choveran en forma de críticas a Sánchez. O PP acusouno esta semana de ser un “pelota” de Sánchez. Necesita liberarse desa imaxe. 

A segunda tarefa parecía hai un mes moi sinxela. O PSOE ía con vento a favor. Pero agora o PSOE vén de facer algo que nunca fixera: empezar a traizoar o seu programa electoral antes de formar goberno, e por riba provocando unhas novas eleccións no Estado. 

Caballero non pode empezar a perder a vantaxe un ano antes das eleccións. 

Antón Sánchez, no peor dos papeis

Cando hai un mes o Grupo Común da Esquerda decidiu reorganizar as portavocías, non contaba con presentarse neste debate en plena pre-campaña electoral e sen ter resolvido a cuestión da coalición entre os tres socios nin moito menos o acordo e a candidata ou candidato para as galegas de 2020

Antón Sánchez asume o rol de adversario de Feixoo convencido de que o presidente “intentará fuxir do debate real” para despois aplicar “a máquina de fume” dos medios de comunicación e cargar “a atención e toda a responsabilidade sobre a política estatal”.

Feixoo non vén render contas, explicaba na terza Sánchez camiño dunha concentración con deputadas e traballadores de Alcoa Coruña. “Pero nós botarémoslle as contas”, advirte. Como portavoz dos comúns, repasará o estado do emprego, do sistema sanitario, do sistema financeiro, da ordenación do territorio, do medio ambiente… O relatorio completo dun horror que, teme o deputado, non vai deixar pegada nin en Feixoo nin nos medios de comunicación do país.

Ana Pontón, coas mans libres
ana ponton parlamento

A única líder consolidada na oposición pertence ao BNG. Polo de agora, Feixoo non teme a Ana Pontón. E o Bloque ten as mans libres. Non está condicionado polos límites da disputa política que, para as forzas estatais, están ben definidos polo que acontece en Catalunya. Nesa situación, Pontón é a única que pode opoñer un programa alternativo ao de Feixoo. Empezando pola reforma estatutaria, a reforma fiscal, a do financiamento, a da política enerxética, a da política ambiental, da lingüística ou a blindaxe dos servizos públicos.

Pontón avanzou esta semana as liñas dun programa antagónico (e inasumíbel) polo PP (veremos se chega o caso, polo PSOE). Remarcar ese antagonismo coas políticas colonialistas de Feixoo é sinxelo. O difícil, como apuntou Antón Sánchez, é que iso vaia deixar pegada en Feixoo ou nos medios do país.

Luís Villares, esperando a Errejón

A urxencia de Luís Villares e os tres deputados que o acompañaron até o Grupo Mixto na ruptura cos antigos socios é demostrar que son un actor na política galega que merece a confianza de Íñigo Errejón para que Más Madrid expanda o franquiciado a Galiza e salve da desaparición electoral ao que queda de En Marea.

Segundo o exposto na súa comparecencia de hai dous días, Villares parece que enfocará o discurso a demostrar o seu sentido “de Estado”, ofrecéndose para contribuír “á gobernabilidade do Estado”, con pé e medio no campo das demandas sociais. Galiza vive unha situación de emerxencias, reflexiona En Marea: a climática, a feminista, a das desigualdades, a das liberdades… Un discurso asumíbel por unha esquerda como a de Errejón e que non se diferencia moito tanto do dos seus antigos socios como para andar separados.

Villares cabalgaba na primavera de 2016 con dous corpos de vantaxe sobre Feixoo. Nin o viu pasar… despois, sucedeu todo o demais. A oposición está nun punto moi parecido ao que estaba hai catro anos, co agravante de que Feixoo leva catro anos máis de presidente.

Así as cousas, quen se atreverá hoxe a prender a primeira vela do enterro de Feixoo?

Comentarios