Sés & Xurxo Souto en conversa/UNHA ESCOLMA DO PAPEL

“Quen decida cantar en galego neste contexto é porque ten unha idea moi potente” 

Screen Shot 2017-05-16 at 10.56.31
photo_camera Xurxo Souto e Sés

Representan a dúas xeracións do rock galego. Xurxo Souto simboliza a gozosa ruptura dos 90 como membro fundamental de Os Diplomáticos de Monte Alto, cos que volverá a xuntarse en xullo para actuar no Club do Mar da Coruña e no arousán festival Revenidas, mentres non deixa de argallar e manter a visceralidade de Os Tres Trebóns. María Xosé Silvar 'Sés' supera todos os obstáculos dende un discurso natural e talentoso, como acaba de demostrar co seu segundo disco Co Xenio Destrozado, que segue presentando por onde sexa. Sen disimular o cariño que se teñen, xúntanse con Sermos Galiza para falar do rock galego e do que saia.

Sés: Xurxo para min significou moito, como toda a súa xeración. Os Diplomáticos mudaron a idea da lingua que existía, chegaron a ensinarnos que cantar en galego era 'guai', somos a xeración Xabarín que creou esta xente, á parte de inventar un rock'n'roll de noso, que iso é a hostia, pero que ademais a nivel humano e social foi algo bestial, todos e todas queríamos cantar a Oda ao Futbolín.

Xurxo Souto: Ela veu á Tropa da Tralla, o programa de radio que eu tiña, cun grupo de pandeireiras e fixeime en que miraba así de esguello, moi viva, e xa tiven unha intuición. Ela, antes da revolución do rock'n'roll que encabeza na actualidade, xa provocou outra na danza galega, negándose a que a muller ocupase un posto secundario cando lle dicían que no baile tradicional era así. Agora é a muller que está contando o mundo dende aquí, con talento e unha capacidade de comunicación prodixiosa, o cal demostra que contra os atorrantes, este país pequerrecho ten artistas capaces de crear conmoción aquí ou en Alaska. A voráxine mediática que está provocando cando normalmente se ignora esta música débese a que foi imposíbel non facerlle caso, grazas a un traballo feito a base de boca a boca, ouvido a ouvido, centos de concertos, así os medios tiveron que acudir a ela.

S: Eu non tiven vontade de chegar a ningún medio nin nada, a min gústame cantar e tocar e sempre fun onde me chamaban, fose dun instituto, dun escenario grande ou dun teatro. Eu canto aquí e canto na Habana, e sempre igual estea onde estea, teño roto a alma en Cans enriba dun tractor, depende do público, se quere cama hai que darlla, se quere gresca pois tamén. E con toda a humildade do mundo.

X.S: É que sempre estamos co de que 'aquí non se pode' e aí está o teu exemplo, facendo cen concertos e agora claro, todo o mundo viuche tocar nalgún sitio.

S: Iso tamén ten que ver con que eu falo moito, teño relación persoal con moita xente que vén aos concertos, nenos e nenas a moreas, familias enteiras, ás veces até lles pido perdón polos tacos que solto e responden que non, que prefiren que sexa como son. E tamén aproveito para dicirlle aos rapaces que estuden.

X.S: Hai que ser moi punki para dicir que para ser punki hai que estudar.

S: E máis na actualidade. Ser punki é pensar e agora hai unha devastación intelectual brutal, cando fun a Cuba e contei que aquí hai rapaces que son acosados por sacar boas notas non o crían. Para ser punki fai falta un carné da biblioteca, non unha camiseta dos Ramones, que esas agora as vende Amancio Ortega.

X.S: E con ese discurso e a súa música, cuns discos magníficos, pois ela chega, coa súa cosmogonía, contando á vez cousas brutais, pero ao tempo capaz de ser a máis doce. Iso é magnífico.

S: Eu insisto en que tiven sorte de ser unha adolescente 'monster', que nin era 'guai' nin lles gustaba aos rapaces nin nada, e así puiden liberar a miña creatividade sen preocuparme por ninguén. Eu non son unha ionque do prestixio social, eu traballei de camareta e mañá volvería sen ningún problema, iso faime libre, porque hai peña incapaz de baixarse deste carro.

Sermos Galiza: Ademais es muller nun mundo que se supón moi machote como o do rock.

S: Aí teño un referente bestial que é Mercedes Peón, non creo que eu teña no corpo máis rock'n'roll que ela. Eu non sei de onde sae iso de que as mulleres galegas na música non sei que, cando hai dúas que se mollaron como ningún tipo que foron Mercedes Peón e Ugía Pedreira, a primeira que cantou 'o galego que non fala a lingua da súa terra non sabe o que ten de seu nin é merecente dela' foi Mercedes cun tema tradicional. Iso de que a actitude contestataria e a belixerancia está en non sei que... no contexto onde eu vivín iso representouno unha muller cun sacho na man e a cabeza rapada.

X.S: Estou de acordo. Porque en primeiro lugar hai que pensar de que falamos cando falamos de rock'n'roll.

S: Dunha actitude

X.S: É que hai arquetipos que nos chegaron desde fóra, mesmo sobre tribos urbanas, pero se falamos cunha visión ampla, entendendo rock'n'roll como o que leva unha batería e instrumentos eléctricos, Mercedes Peón é unha referencia absoluta.

S: Se o rock'n'roll é unha evolución do blues cunha actitude que supera o plano musical e vai ao social, iso é Mercedes Peón. Colle o tradicional, pégalle catro voltas e fai o que lle sae da cona. Iso é o rock.

X.S: Mercedes foi perseguida polo arquetipo, por managers e produtores e tal e ela dixo que non. E o mellor de Mercedes foron as letras, malia que parece que non se queren escoitar. E logo é un exemplo da repercusión internacional da nosa música, agora arrasa en festivais dance megamodernos. Porque igual que aquí nos emociona un artista que chega de Taiwan, Sés pode ir a Alaska e revirarlles as tripas co que fai.

S: É que llas reviras.

X.S: Temos o engadido de sermos orixinais, cunha identidade única. Resulta alucinante ver na música galega como do nada chegouse a todo. Hai que valorar o que temos agora e o que había hai vinte ou corenta anos. Fóronse abrindo regos, o que proba a capacidade e a creatividade que ten este país.

S: Á hora de abrir portas hai que ter en conta que todo era eminentemente rural até hai moi pouco e non tiñamos música urbana porque nas cidades o galego non contaba. Xurxo e compañía crearon o rock galego 'underground', non foron á música galega de galpón, que me encanta e seguramente nada hai máis 'underground' que un galpón, pero os que nos deron ese orgullo foron eles.

X.S: Hai tabús sobre a lingua que se manteñen sólidos porque non se cuestionan. Un é que o galego non vale para a publicidade, que non vende, pero saíu a campaña de Gadis e rachou o mito. E o noso foi igual, dicían que aquí na Coruña ninguén falaba galego, pero foi facelo, levalo ao rock e funcionou. Trátase de ser protagonistas. Eu xa vivín varios ciclos na música galega, e cando houbo apoio nos medios, como no Xabarín, pois resultou un éxito de masas; ou cando ela desde as marxes vai persoa a persoa, pois alcanza o éxito de masas, só hai que facelo, sen maior estigma.

S.G: Pero, pode afectar no presente e sobre todo no futuro a actual política lingüística á hora de alimentar un rock galego?

X.S: Esta realidade de agresión directa á lingua crea reacción e argumentos de creatividade e rebeldía.

S: Eu coido que vai xerar de todo, tamén peña que non chegue, pero quen o faga vai ser moi poderoso. Porque cando nunha situación negra ti decides seguir igual é que a forza da túa idea é moi potente.

X.S: Ela é unha artista que está creando unha escola, unha estética. Din que agora non hai rock en galego, en profundidade, pero para o concurso do festival Revenidas presentáronse vinte grupos case do nada. Agora a xente xa só se ten que centrar no máis difícil, que é facer unha boa canción. Despois xa poden prescindir dos rituais da nosa época de produtores ou ir a Madrid coas maquetas. E iso tamén beneficia os estilos, o que fai máis evidente a metamorfose, serve como exemplo o hip hop, chegan os máis chulos dende Barcelona e diante de Deus ke te Crew quedan co cu ao aire, como no caso tamén de Aid.

S.G: Outra muller.

S: O feito de ser muller neste mundo nótase como en todos os ámbitos. Se cadra, ao eu non ter sido unha persoa das que a xente considera 'guai' pois provocou que ma pelara todo, o que ao final convérteche en 'guai'. Sonche moi rabuda, pero pouco de enfadarme, pero esta cuestión si que me enfada, porque toca a moita xente, as mulleres, e niso si que me prometín non baixar a garda, como se lle teño que romper as pernas a alguén, que non llas rompes por ti, senón por todas. Aquí en Galiza quen lle pode falar de fortaleza e autonomía a unha muller que sacou oito fillos soa, sendo á vez labrega? Agora, é certo que para que a xente flipe contigo tes que facer cinco veces o que fai un home, aínda que cagues por el. Mesmo enriba dun escenario teño vacilado moito con isto a O Leo, ao que adoro e admiro. O Leo & Arremecaghoná supuxo un antes e un despois, el é unha revolución feminista en si mesmo. É un tipo ao que sen ningún apoio mediático coñéceo todo deus.

X.S: Aí hai moitos argumentos, como o da provocación total, cando O Leo se vestía de andaluza, afastado dalgúns mundos pedantorros de cantautores. Pero logo el toca cantigas de Martín Códax cun nivel de perfección alucinante.

S: O Leo sabe sempre o que ten que facer para chegar, eu limítome a vomitar cancións.

X.S: Só son camiños distintos, o da elaboración e o da intuición.

S: Eu niso sempre digo que non se pode compoñer música sen oír música e non se poden escribir letras sen ler. O rock vístese de frivolidade, cando non é frívolo. Lúdico non é frívolo. Pecamos moito de pensar que non temos que ver coa literatura.

X.S: A primeira gravación de música galega en 1904 dicía: 'Unha noite no muíño, unha noite non é nada”. Coñecémola todos, o que fala do éxito desa peza e por outro lado que levamos décadas cantando o mesmo. Nós na época dos Diplomáticos bebíamos moito do popular para crear modernidade. Agora xa non fai falta. Estamos noutra etapa, fascinante e que ademais permite algo tan bonito como atoparte nos bares a xente que admiras.

S: E cunha lingua como a nosa que abre continentes, eu non tería cantado cun tipo que enche estadios en Brasil como Rui Veloso se non fose polo galego, que por desgraza pecha máis portas aquí que fóra.

X.S: Pero a nosa música xa é un territorio liberado no sentido da creatividade. Ela xa non ten que dar explicacións de por que canta en galego.

S: A mellor resposta a esa pregunta foi a de Xurxo cando dixo que cantaban en galego 'por razóns estritamente comerciais'.

Esta conversa de Sés e Xurxo Souto apareceu no número 23 do A FONDO, o caderno de análise do semanario. Saíu á rúa co Sermos53, publicado a 28 de xuño de 2013.

Comentarios