Palabras con Memoria

Quen anda revolvendo?, por Ramiro Torres

confetti-985152_960_720
photo_camera Confetti.

arriel.- (Ademais de significados xa rexistrados) Pola liña, de a feito.

Lugar de escoita.- Vilalba.

Fonte.- Vanessa Hermida Carballeira. Enviada desde o Centro de Día de Abadín.

barrilar.- Estragar, destrozar, derramar.

Exemplo.- "Non entendo como poden estar a barrilar ese paseo tan bonito."

Lugar de escoita.- Bueu.

Fonte.- Henrique Harguindey.

biobío.- Guindar algo cara a riba, sen pretender atinar con ningún obxectivo determinado.

Exemplo.- "Tirou o confeti ao biobío."

Lugar de escoita.- Tomonde -Cerdedo (Terra de Montes).

Fonte.- Aurelio Solla Monteagudo.

Outros apuntamentos.- A fonte sinala que dubida se a grafía sería b ou v e tamén se as dúas sílabas deberían ir separadas, pero de momento quedou apuntado como o mandou.

enfoular.- (Ademais de significados xa recollidos) Revolver, desordenar.

Exemplo.- "Tes toda a roupa enfoulada no armario."

Lugar de escoita.- Cervo.

Fonte.- Mª del Pino Hernández Viñas.

Outros apuntamentos.- Desde o Centro de Día de Abadín.

estragallar.- Sinónimo de ciscar, revolver.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Toño Núñez.

gallear ou galloar.- (Empréganse as dúas formas) Remexer.

Exemplo.- "Anda galleando na comida", "Está a galloar no roupeiro".

Lugar de escoita.- Bergantiños.

Fonte.- Xoán Ramón Doldán García.

Outros apuntamentos.- Pronuncia con "gheada".

marimán.- Conxunto de cousas, ou persoas, en gran cantidade e certa desorde.

Exemplo.- “Na feira había tal marimán de xente que non se remexía un.”

Lugar de escoita.- Sober (Lugo).

Fonte.- Ramón Sandoval.

Comentarios