O acceso ás vacinas está a ser desigual no sector sanitario na Galiza. O pasado 17 de febreiro o dermatólogo de Compostela, Emilio del Río, presentou por rexistro unha carta aberta ao conselleiro de Sanidade, Julio García, e á Directora de Saúde Pública, Carmen Durán, demandándolles información de cando procederán a vacinar ao persoal médico das pequenas e medianas clínicas que hai no territorio galego.
"Eu teño unha clínica que non parou en toda a pandemia con oito traballadoras sanitarias e tres administrativas, todas contratadas, que teñen contacto diario con pacientes e aínda non sabemos cando poderemos contar coa vacina", explica a Nós Diario Emilio del Rio.
Este médico explica que se fixo cargo dos gastos da súa clínica "sen chegar ao expediente de regulación de emprego (ERTE)" e sendo consciente de que "moitas compañeiras e compañeiros tiveron que fechar".
Non considera xusto que xa estea vacinado todo o persoal dos grandes hospitais privados "que son na súa maior parte de fóra" e persoal administrativo das instalacións sanitarias "en moitos casos sen contacto directo con pacientes por estar teletraballando, non como no noso caso" e esquezan "logopedas, dentistas, fisioterapeutas ou dermatólogos". Na carta lembra que "nós estamos apegados ao territorio que fixa a oferta laboral, os recursos, a riqueza e a poboación galega".
Del Rio indica que esta situación que provocou a Xunta da Galiza non acontece noutros lugares do Estado español, mesmo algúns gobernados tamén polo PP. "Xa o fixeron en Murcia ou Andalucía polo que non semella un problema político", cre este dermatólogo.
Por este motivo insta ás autoridades para que os convoquen para a vacinación do persoal sanitario do grupo 3B da normativa estatal á maior bevidade posíbel.