Opinión

Que pasa ao redor de min?

[Marga do Val]

D Desde as vaguidades dun verso de Rosalía, fagamos esta pregunta. Mais se a cuestión se arreda e se sitúa na aldea global, se a persoa non se detén na contorna máis inmediata, mal imos. Sorte de quen non ten que morar nas cortiñas, de quen aproveita para facer amábel o lar, de quen sexa capaz de dialogar coa familia, de atender rapazada e maiores; sorte de quen reciba axuda da veciñanza, de quen poida artellar traballo e vida ou conciliar saída para o traballo e regreso á casa.

Esta pandemia demostrará que na sociedade en que vivimos non se fortalece a relación coas persoas, non destinamos tempo á convivencia. Demostrará que moitos fogares son auténticos cárceres. Confirmaremos que é urxente aprendermos ferramentas, habilidades, que fomenten respecto e, tamén, un saber quererse. Non estaba previsto nos relacionarmos con rapazada e maiores unha corentena. O privado é público. É hora de deixarmos o móbil cos vídeos graciosos e contestarmos á pregunta. Unha oportunidade.

Comentarios