Opinión

Que muden de rosario, ou non

O surrealismo é a verba que mellor define a temporada do Dépor, a unha xornada de saber se cumpre unha parte dos seus obxectivos ou non, que como mal menor sería a de meterse en promoción de ascenso.

O caso é que o Dépor volver errar ata o infinito e infinitamente. Un mal que semella incurable. É insultante que un equipo erre tantas ocasións de gol como as que estraga o equipo branco e azul en cada partido. Máis, se cabe, no de Alacante. Porque o Dépor partía coa obriga de gañar para seguir con algo de luz polo fondo túnel no que se mete él só. Porque se en algo é regular o equipo de Natxo e Martí é en errar cada vez que tira a porta. Cada vez está máis fallón. Os erros son de todas as maneiras e cores posibles. A balón parado, de cabeza, fóra da área, debaixo da porta, na área pequena, na grande, de falta, … Para o afeccionado é insostible unha situación así. É pedirlle demasiado. Unha afección sufridora que demostra partido a partido que se agarra ao que sexa. Finalmente, o pobre partido do Dépor, en goles, porque non houbo, queda parcialmente salvado pola derrota do Cádiz na súa casa ante o Estremadura. Unha axuda extra foránea, case impensable, pero que é unha realidade despois doutro partido salvado pola campá, gañando no último segundo e de penalti.    

Ao Dépor salvoulle a papeleta Manuel Mosquera e os seus pupilos, uns auténticos “leóns” -así os define o seu técnico-, máis bravos e moito máis acertados e con moito menos vimbios que os deportivistas e que, por riba, tiveron que levantarse do peor dos escenarios anímicos que se poden dar. Manuel Mosquera é un crack. No T4 deste luns en Radio Marca destaquei o papel de Manuel Mosquera, pola súa fortaleza psicolóxica e polo seu traballo, sempre caracterizado pola búsqueda dos factores positivos para loitar ante calquera tipo de adversidades. Manuel Mosquera ve unha oportunidade en todo o que fai. E onte, Mosquera traballou máis polo Dépor en Cádiz que Martí e os seus pupilos en Elxe. Manuel Mosquera foi desprezado nos últimos catro anos na Coruña, delatando unha cegueira irresponsable. Pero Manuel, un loitador nato, sempre se pon de pe. O exemplo deste coruñés como futbolista e como adestrador volveu reflictirse, porque volveu demostrar cómo é posible recuperar un equipo afundido, primeiro no deportivo, e agora, despois de salvarse e recibir un golpe durísimo, remontarse no anímico. Só perdeu e empatou un partido desde que colleu ó Estremadura. Xa lles gustaría ter os números do técnico galego a Natxo e Martí partindo de coller un equipo desafiuzado e condenado a Segunda.  

Volvendo ao equipo herculino, a primeira parte, salvo dous detalles, foi nefasta. Un mal primeiro tempo. Desesperante. Porque era o Elxe o que parecía estar xogándose algo. Acercouse con moito perigo á porta de Dani Giménez. Salvoulle que os alacantinos tampouco tiveron as botas afinadas. Carlos Fernández e Edu Expósito puxeron a mil o corazón dos seus seareiros errando tres ocasións moi propicias. Especialmente unha de Expósito. Pero o que ninguén se esperaba era unha segunda parte tan desacougante. O Dépor contou as ocasións a mancheas. Fede Cartabia, Carlos Fernández e, sobre todo, Pedro Sánchez e Christian Santos estragaron ocasións moi asequibles e outras que pedían máis frialdade porque había tempo para tomar decisións máis acertadas. En todo caso, suponse que os catro futbolistas teñen calidade de sobra para ser determinantes e decisivos, pero non. Outra vez, foron inocuos. Para cortarse as veas.

Martí ten moitas cousas que mellorar. A primeira e máis urxente é ensinarlles os seus a botar un saque de esquina, a ser posible, para poder facer dano ó contrario. É inxustificable que un equipo profesional sexa reiteradamente inoperante coa estratexia. O mesmo coas faltas. O Dépor non consegue ninguna vantaxe destas situacións, que poden ser determinantes na categoría.

O do erro sostido nas ocasións de gol é para pensar en facer seriamente e facer un chamamento a un chamán para espetar un fóra bruxas. Aínda que pensándoo ben, as bruxas son as que axudaron ao Dépor a manterse vivo ata última xornada. Quizáis estea “enmeigado”. Vai ter que mudar de rosario, ou non, quen sabe. Na última xornada pode volver pasar outra vez o impensable. Calquera cousa.

Ollo con pensar que o Dépor xa ten gañado o partido ante o Córdoba, sen baixar do autobus. Lembro que este Dépor perde sempre cos colistas ou os equipos en posición de descenso directo en Riazor. O traballo mental para mudar esa circunstancia é máis que necesario se Martí quere ter o seu equipo finalmente na disputa da lotería das eliminatorias directas para ascender á Primeira División. Por se acaso, que siga incluindo na convocatoria ó xogador número doce Akelarre, porque só así se pode explicar o do penalti ante o Mallorca no último minuto e o gol do Estremadura saído dun rexeite desde o centro do campo e co porteiro a varios metros da súa portería.

Comentarios