Opinión

Que chova

Observar cada ano como o lume devasta Ourense, especialmente o sur da provincia, resulta cansado e desacougante. A impotencia produce rabia e fastío. Os lumes inícianse máis ou menos como de costume. En tempada seca, nas serras do Larouco, no macizo de Laza, Maceda ou Vilar de Barrio, nas serras de Queixa, Invernadoiro, A Gudiña ou A Mezquita. Tamén na extensa Raia, nas aldeas periféricas de Verín ou na chaira alta de Monterrei e Cualedro. Pero non sempre foi así, como di Feijóo, depende das políticas e a estratexia rural do goberno galego.

Esta vez, con superficies queimadas de preto de 1.000 hectáreas en Vilar de Barrio, as 400 de Chandrexa ou as 6.000 do Xurés, Cualedro e Vilariño, o balanzo global alcanza as 8.000 hectáreas queimadas en menos de tres días nunha ducia de lumes. En practicamente ningún dos grandes lumes se logrou exercer o control a tempo e iso que “a Dirección Xeral agardaba a vaga de lumes do macizo ourensán”, segundo declarou Fernández Couto á TVG. Entón, como non se logrou evitar ou paliar esta catástrofe ambiental? As condicións meteorolóxicas? A realidade: chégase tarde a moitos conatos, carécese de estratexia para os lumes de alta montaña, de medios eficaces e duns plans de vixilancia e prevención axeitados.

Como de costume, a inmensa maioría dos incendios son motivados por labores de pastoreo e gandaría extensiva, a caza, cuestións fronteirizas ligadas ao contrabando, inimizades, ademais do inexperto manexo do lume para a limpeza das numerosas fincas abandonadas e cubertas pola maleza. O combustíbel, especialmente xestas, carqueixas, toxos e carrascos rodea a maioría dos núcleos rurais até o límite urbano. Todo isto é de sobra coñecido, e en tempos do goberno PSOE-BNG chegou a haber protocolos para atender a problemática específica e actuar en consecuencia. É dicir, dialogar cos gandeiros e pastores, tamén cos cazadores e realizar devasas de protección. Ademais de xerar complicidade, crear actividade económica e servizos no medio rural, mellorar radicalmente a prevención e a vixilancia e manter un operativo contra-incendios eficaz e profesional capaz de facer fronte á nova situación climática. Nada que non se saiba, nin distinto do que os diferentes grupos de expertos veñen reclamando e propoñendo cada ano; o último en 2019.

Por iso, dicir a estas alturas nesta columna que se segue gastando o orzamento en brigadas municipais, que non se adaptou o operativo para a vixilancia preventiva, e que se continúa sen dialogar e desprezando o medio rural, xa aburre ás ovellas. A única conclusión plausíbel é que os responsábeis de dar unha solución non queren facelo. O rural non interesa, mellor que se destrúa, que se consuma na súa propia desesperación. Pero alguén debería facer algo. Despois do acontecido na última semana no sur de Ourense, e do ocorrido nos últimos anos en Galiza, as autoridades políticas —dende Feijóo ata os conselleiros do ramo e as autoridades policiais— deberían asumir as súas graves responsabilidades. E a oposición (sen dar tregua) debería encargarse de que sexa así. Todo o demais é inútil, sobran as palabras, salvo que chova.

Comentarios