OBAMA CHAMA A ENDURECER AS SANCIóNS ECONóMICAS A MOSCOVA

Putin compara as accións do exército ucraíno co asedio nazi de Leningrado

Obama desbota unha intervención armada dos EUA e aposta, máis unha vez, nas sancións contra Moscova. Rusia acusa a Kiev de bombardear zonas residenciais nos territorios orientais de Ucraína

A tensión non decrece en Ucraína, após a NATO ter acusado a Rusia de invadir a zona oriental do país (en concreto, de enviar un destacamento de 1.000 soldados).

Moscova continúa a negar a súa implicación militar no conflito, ao tempo que Putin eleva o seu ton político ao comparar o comportamento do Exército ucraíno co tido polos nazis durante a segunda guerra mundial. O líder ruso acusou a Kiev de bombardear zonas residenciais e de converter os civís en albo militar.

Na súa intervención nun foro xuvenil realizado perto de Moscova, Putin dixo: "Isto é ben triste e lémbrame os acontecimentos da Segunda Guerra Mundial, cando os ocupantes nazis asediaron as nosas cidades, como Leningrado [actualmente San Petersburgo], e directamente bombardearon esas cidades e os seus habitantes".

"Vilas e cidades", engadiu, "están a ser asediadas polo Exército ucraíno que está a bombardear directamente áreas residenciais co propósito de destruír infraestruturas e acabar coa vontade de loita da resistencia".

Putin chama á negociación e Obama desbota a hipótese da intervención armada estadounidense

Aliás, Putin considera que a solución ao conflito non pode pasar polo confronto militar e si pola vía da negociación diplomática. "É necesario levar ás autoridades ucraínas a comezar unha negociación e non sobre asuntos técnicos, senón sobre o fondo do asunto", dixo.

Para Moscova, o "fondo do asunto" é a defensa dos "dereitos" das autoproclamadas Repúblicas de Donetsk e Lugansk.

Conferencia de imprensa de Obama

Paralelamente, en Washington, o presidente dos EUA compareceu en conferencia de imprensa, no serán da quinta feira, hora galega, para, entre outros asuntos (o avanzo do Estado Islámico...), avaliar a situación na Ucraína.

Obama acusou a Moscova de enviar soldados aos territorios orientais de Ucraína e de acender a rebelión contra Kiev, mas ao tempo desbotou toda hipótese de implicación militar estadounidense nos confrontos.

Advogou polo endurecimento das sancións comerciais contra Rusia. Dixo dela que nunca, desde o fin da guerra fría, estivera tan isolada internacionalmente como agora.

Esta sexta feira, os embaixadores da NATO mantiveron unha reunión para analisar o desenvolvimento dos acontecimentos. Concordaron con Washington á hora de acusar a Moscova de ter violado a soberanía de Ucraína.

Comentarios