Salto por riba
do lume de san Xoán,
para que non me morda
cadela nin can
nin bicho vivinte
que ande polo chan
Cóntanse por ducias os refráns e as cantigas que beben do San Xoán, unha das festas máis populares das que se celebran na Galiza. Catarse colectiva, é esta unha cita ancestral que amalgama elementos animistas, panteístas, celtas, gregos e romarnos. As cacharelas; as Herbas de San Xoán; as sardiñas molladas no pan de millo; o roubo de cancelas… fan parte da linguaxe simbólica dunha data de socialización, non só entre persoas, senón tamén coa entorna, coas especies vexetais e animais e, sobre todo, co pasado. Unha data na que a dualidade ben/mal cobra o máximo significado.
A cristianización bautizou o solsticio de verán como San Xoán (polo nacemento de Xoán o Bautista), unha festividade eminentemente popular. Que sexa a xornada de máis sol e, por ende, de máis luz implica que sexa considerado o día máis sagrado do ano. Deste feito derivan boa parte das características do San Xoán, segundo explica, en declaracións a Sermos Galiza, o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro, “considerábase o día máis santo do ano por ser o de máis luz”.
A respecto do San Xoán, o profesor da USC sinala que serve de modelo para dar conta das festas católicas, “todas posúen o mesmo esquema: teñen a véspera, onde se ritualiza o mal, que se enfronta ao ben e o ben maniféstase o día santo”. “O día anterior teste que purificar para entrares no día sagrado e os medios de purificación por excelencia son o lume e a auga”, engade.
[Podes ler a peza íntegra no Sermos Galiza 301, á venda na loxa e nos quiosques]