O PSdeG negocia as súas primarias con Ferraz

Intensas negociacións entre o PSdeG e o PSOE sobre as primarias que Pachi Vázquez quer impulsar e os estatutos do partido non contemplan (só están previstas as primarias para a escolla d@s candidat@s aos procesos eleitorais, non d@s secretarios xerais).

Fontes próximas a Pachi Vázquez apuntaban onte que o conflito entre as direccións do PSdeG e do PSOE está "claramente interferido" polo cisma habido esta semana no grupo parlamentar socialista no Congreso entre a dirección de Rubalcaba e o PSC.

"Se non for por Catalunya, non habería problema e daríannos luz verde", indican esas fontes en conversas con Sermos Galiza.

A proposta de Pachi Vázquez é facer unha consulta á militancia en Xuño, de carácter consultivo. Logo celebrar o Congreso en Xullo, xa con delegad@s. Serían estes formalmente os que elixirían @ nov@ secretario xeral. É evidente que se limitarían a refrendar a decisión da militancia.

Ferraz ameaza con impugnar este procedimento, por ser anti-estatutario. Propón, en troca, que @s delegad@s sexan eleitos entre a militancia cun mandato claro sobre que candidat@ irían elexer posteriormente no Congreso como secretari@ xeral. Isto sería moi distinto a unhas primarias.

As negociacións, que estaba previsto se demorasen até pouco antes de comezar o Comité Nacional previsto para esta mañá (10 horas), lévanas os respectivos secretarios de Organización, Pablo García (PSdeG) e Óscar López (PSOE).

Besteiro, Caamaño, Blanco...

A esta altura, con José Ramón Besteiro como candidato xa proclamado, a dúbida está en se Francisco Caamaño dará o paso de concorrer á secretaria xeral. O ex ministro de Fomento perde opcións por momento, dado que o seu caso xudicial se complica. Porén, fontes próximas a el afirman que o que hai contra el ten cada día menos forza. "Todo o que hai contra el é unha chamada telefónica a un alcalde. Que faga iso un ministro é o máis normal do mundo", alegan.

Comentarios