Puigdemont e Comín acoden como deputados á Eurocámara

A cidade francesa de Estrasburgo acolleu a primeira sesión do Parlamento europeo do ano. Foi tamén o pleno inaugural para o ex president da Generalitat, Carles Puigdemont, e para o ex conseller Toni Comín, recoñecidos como europarlamentarios grazas á sentenza do Tribunal de Xustiza da UE favorábel a Oriol Junqueras o pasado mes de decembro. 

Carles Puigdemont e Toni Comín, ante o Parlamento europeo (Imaxe: Gonzalo Boye)
photo_camera Carles Puigdemont e Toni Comín, ante o Parlamento europeo (Imaxe: Gonzalo Boye)

O Parlamento europeo reuniuse por primeira vez en 2020 esta segunda feira, 13 de xaneiro, en Estrasburgo (Francia). Tamén foi o primeiro pleno para o ex president da Generalitat, Carles Puigdemont, e para o ex conseller Toni Comín, ambos os dous exiliados pola súa participación no referendo de 1-O.

Estes líderes independentistas, electos pola candidatura de Junts per Catalunya, foron aceptados como membros da Cámara grazas á sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que en decembro recoñeceu a inmunidade do líder de ERC, Oriol Junqueras e, por tanto, aceptou a súa condición de eurodeputado.

Con todo, o republicano non puido acudir esta segunda feira a Estrasburgo, xa que a pasada sexta, 10 de xaneiro, o Tribunal Supremo (TS)  anulou o seu escano en base á sentenza coa que o propio Supremo o condenou pola causa do procés. 

O presidente da Eurocámara, o socialdemócrata italiano David Sassoli, deu a benvida aos dous políticos soberanistas e explicou que o Parlamento tomou constancia da aceptación de Puigdemont, Comín e Junqueras mais, tendo en conta a decisión da Xunta Electoral Central e do Tribunal Supremo españois, pasaba a deixar "vacante" o escano do republicano. 

Polo de agora, os dous eurodeputados de Junts están sen grupo, aínda que xa expresaron a súa intención de integrárense no da Alianza Libre Europea-Verdes, onde están formacións como Esquerra ou o BNG.

A Eurocámara estudará a solicitude de suplicatorio 

Tamén hoxe o presidente do Supremo,  Carlos Lesmes, remitiu a Sassoli a solicitude de suplicatorio de suspensión da inmunidade dos dous parlamentarios cataláns, instada polo maxistrado instrutor da causa do procés, o xuíz Pablo Llarena. O suplicatorio foi tamén a opción que recomendaron nos seus informes ao Supremo tanto a Fiscalía como a Avogacía do Estado.

O suplicatorio acompañouse do auto de Llarena onde o xuíz pide a retirada da prerrogativa alegando que os feitos imputados son anteriores ao momento das eleccións europeas. 

A Eurocámara anunciou que procederá a estudar a petición e Puigdemont emprazou xa aos escanos do PSOE a votaren en contra de levantar a inmunidade, en cumprimento da promesa de Pedro Sánchez de abandonar a vía da xudicialización do conflito político en Catalunya.  
 

Comentarios