Imprimir

Sabela Ramos: ""Hai moitas iniciativas para que as escolares vexan que nas tecnoloxías cabemos todas"

Raquel C. Pérez | 17 de outubro de 2020

Sabela Ramos. / Nós Diario
Sabela Ramos. / Nós Diario
Sabela Ramos está doutorada en Enxeñaría Informática pola Universidade da Coruña (UDC) e traballa en Google Research en Zürich (Suíza). Ademais, integra o colectivo Google Women in Engineering (GWE), que estimula a presenza feminina no sector TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación). Agora é merecedora do Premio Ada Byron do CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría Informática da Galiza).  Conversamos con ela sobre este recoñecemento, a situación da investigación e das mulleres nas ciencias, o machine learning e a protección dos datos privados.  

O primeiro, parabéns polo premio. Que significa para vostede este recoñecemento?

A verdade é que non o esperaba e faime moita ilusión. Sempre é motivo de orgullo persoal que che recoñezan o traballo, pero especialmente se vén dunha institución galega que ademais apoiou moitas das actividades que fixemos na Universidade para promover o papel das mulleres nas TIC.

Por que se decantou pola enxeñaría informática?

Durante o Bacharelato non tiña moi claro que quería estudar, só tiña decidido que me gustaría facer algo relacionado coas ciencias. Ao final, decanteime pola informática porque me gustaban as matemáticas e a idea de facer unha carreira que logo me permitise traballar en diferentes campos.

Forma parte do colectivo GWE. Cal é o impacto que perciben destas iniciativas?

Para empezar, hai certa visibilidade e certo coñecemento de que esta é unha situación que temos que mellorar. Cando estudaba, polo menos na Galiza, apenas se falaba da baixa representación das mulleres en eidos tecnolóxicos, só de forma anecdótica. Agora mesmo hai un montón de iniciativas, máis que para enfocar as rapazas cara ás TIC, diría que para achegar esas tecnoloxías aos colexios coa finalidade de que vexan que é un campo no que ten cabida todo o mundo. Mais tamén para dar apoio a aquelas rapazas e mulleres que xa están a estudar ou a traballar nese eido e que se poden chegar a sentir un pouco illadas. Un exemplo destas iniciativas é Hello Sisters, que hai poucos anos xurdiu na Facultade de Informática da Coruña, onde un grupo de estudantes, profesoras e profesionais comparten experiencias entre elas e con estudantes novas.

Como valora o nivel da investigación na Galiza?

Aínda que xa levo tempo fóra, na miña experiencia hai un nivel moi alto. A maioría da xente que traballaba nesa época na UDC, ou ben segue na Universidade ou ben traballa en centros e en empresas de prestixio. Creo que hai un problema xeral de inestabilidade da carreira investigadora e de recursos, non só no Estado español. Pero aínda así estase a facer investigación de calidade.

Cal é o seu traballo no campo da aprendizaxe por reforzo?

Traballo principalmente nas ferramentas que se utilizan para que sexa máis eficiente. Un dos proxectos nos que estou é SEED, unha ferramenta que utiliza TPU (Unidade de Procesamento de Tensor) para conseguir que esta aprendizaxe sexa o máis rápida posíbel. Úsase nun proxecto para ensinar ao ordenador a xogar ao fútbol.

Queda moito por explorar a través do 'machine learning'?  

Por suposto. É un campo amplísimo con infinitas liñas de investigación abertas: desde as áreas nas que se pode aplicar, até como optimizar as máquinas para que sexan más eficientes á hora de facer os cálculos necesarios para este tipo de aprendizaxe.

Como se avanzou na protección de datos?

Google desenvolve todos os seus servizos co privado e coa seguridade como pilares. Traballamos en tres áreas: o privado, a seguridade e o control. Os teus datos son teus, teñen que estar nun lugar seguro e debes ter a capacidade de poder facer con eles o que queiras. Calquera usuaria pode acceder á súa conta e ver que datos compartiu con Google, como borralos, descargalos e transferilos, facer revisión da privacidade, borrar etc.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/publicar-sabado-sabela-ramos/20201016193628107101.html


© 2020 Nós Diario