Opinión

PSOE, vantaxes e hipotecas do electoralismo

 

Supoño que durante estes meses publicaranse acotío enquisas electorais, onde resulta evidente a intención de incidir nos/as votantes utilizando o temor á estrema dereita, tanto nos medios próximos ao PP e Ciudadanos, como naqueles afíns ao PSOE. Resulta evidente o limitado das entrevistas, e que os resultados estean tan cociñados, e sobre todo que se obvie un dado tan importante como o número de persoas que se absteñen ou non teñen o voto decidido. Tamén chama a atención que, para alén da folga e manifestación do 8 de marzo, e a morea de protestas por cuestións laborais e sociais concretas, a esquerda (tamén a nacionalista) non utilice a mobilización por reivindicacións estratéxicas para alentar o voto critico co sistema, deixando como única saída realista a institucional e o voto ao menos malo.

 

Dá a impresión que tamén a esquerda antisistémica española perdeu toda perspectiva ligada coa loita de clases, a reivindicación dun estado plurinacional e republicano, e outorgarlle o protagonismo ás clases populares. Daquela que o PSOE sexa quen de medrar por mor destas eivas , mediante medidas reformistas limitadas, máis dun importante valor nun escenario de avance da ultra dereita. Máxime cando a esquerda rupturista na práctica carece dunha alternativa distinta ao capitalismo, todo redúcese a pedir máis do mesmo. Neste contexto hai que valorar a efectividade do aumento do salario, do mínimo e aos/as empregadas públicas e aos/as pensionistas, malia que nestes últimos se esqueza a débeda contraída no período de axuste durante a crise.

 

Dá a impresión que tamén a esquerda antisistémica española perdeu toda perspectiva ligada coa loita de clases, a reivindicación dun estado plurinacional e republicano

 

Neste mesmo tipo de solucións electoralistas hai que considerar algún decreto de última hora. Como por exemplo o que seica vai ser aprobado no último Consello de Ministros polo Governo de Pedro Sánchez, co gallo da folga feminista do 8 de marzo, polo que se entenderá que: “existe discriminación salarial por razón de sexo cando a diferenza de retribucións salariais entre ambos sexos sexa superior ao 25% por categorías nas empresas con máis de 25 persoas empregadas”. O que dá valor a que o Presidente chame a apoiar a folga e as manifestacións do 8 de marzo.

 

Neste contexto preelectoral, tamén se están a negociar por parte do Governo, CC.OO. UGT e a patronal, medidas que modifiquen as reforma reforma laboral e a das pensións aprobadas polo PP. Tratase de reunións opacas, sen luz e taquígrafos, que polo tanto que marxinan da participación á clase traballadora e outras camadas populares, carentes polo tanto de presión social. Todo dependerá de cal sexa a valoración que faga a dirección do PSOE sobre a necesidade ou non de confrontar neste tema coa CEOE, en función dos réditos electorais. Polo que podería deixar a cuestión para despois das eleccións na procura de conseguir un acordo, mediante compensacións en achegas ou rebaixas fiscais ao empresariado. Seica a maior oposición da patronal sería respecto dun rexistro obrigatorio da xornada laboral e polas melloras laborais na subcontratación. A CEOE afirma ameazante que: “son eles os que crean emprego, os que levantan o país, os que traballan e crean riqueza, os que teñen algo que dicir” (eldiario.es) como se a clase traballadora non representase a meirande parte do esforzo, e non contribuíse ademais con melloras á actividade produtiva.

 

Dar pasos a prol da igualdade salarial de xénero, e que os ingresos individuais se coñezan colectivamente, é unha iniciativa positiva

 

Sen dúbida dar pasos a prol da igualdade salarial de xénero, e que os ingresos individuais se coñezan colectivamente, é unha iniciativa positiva, que aportaría claridade ao reparto traballo-capital nas empresas (aínda que xa eran dados coñecidos pola administración, polo pago de impostos e seguridade social). Asemade, o decreto poría límite ás diferencias salariais, algo que favorece ao conxunto da clase traballadora. A cuestión é: a representación sindical na empresa e as organizacións sindicais e sociais terán esta información desagregada dos salarios, incluída a da dirección? Resulta evidente que esta medida non se toma casualmente antes do proceso electoral e, sobre todo, chama a atención que non se filtre ningunha noticia deste tipo encol da derrogación da reforma laboral, a lei mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal. Será porque nestes casos a súa incidencia afecta ao conxunto das condicións laborábeis e os salarios, ou sexa ao reparto da riqueza producida?  Explícome, hai uns anos un cartaz da Secretaria da Muller da CIG facía acertadamente fincapé en que a igualdade non se debía facer por abaixo.

 

Polo tanto, sendo unha decisión positiva limitar as diferenzas salariais por xénero, non se pode ignorar que tomada illadamente non modifica a tendencia actual de regresión nas condicións laborais (horas extras non pagadas, aumento do ritmo de traballo, falsos autónomos/as, uberización, temporalidade, emprego a tempo parcial, etc.) caída dos salarios, precariedade, e medre da desigualdade. Coa normativa actual os convenios de empresa priman sobre os de sector, sexan ou non regresivos para a clase traballadora, os convenios perden a súa vixencia se non son renovados por acordo das partes. Ademais, toda folga e acción reivindicativa, mobilización e piquetes, está limitada por todo tipo de sancións e métodos represivos xa que se igualan con accións violentas no marco dun contexto terrorista, que non existe.

 

Que o PSOE tome iniciativas limitadas, electoralistas e oportunistas, é lóxico, hai moitas décadas que abandonou á clase traballadora

 

Que o PSOE tome iniciativas limitadas, electoralistas e oportunistas, é lóxico, hai moitas décadas que abandonou á clase traballadora, que renunciou ao dereito de autodeterminación, e que se sumou ao sistema como a pata “sensíbel no social”. O seu europeísmo neoliberal, o apoio ao golpe de estado en Venezuela e as duras condenas pedidas contra o independentismo catalán, son a proba. Agora ben, a cuestión polo tanto neste contexto e con esta correlación de forzas é que, o PSOE, sendo o mal menor, debería governar condicionado polo nacionalismo democrático e popular. E isto implica, ademais de que este obteña uns bos resultados nas eleccións, que conte cunha alternativa rupturista críbel. Non só en relación coa soberanía, senón tamén e esencialmente, respecto das condicións laborais, o modelo económico, os servizos e prestacións sociais, o carácter redistributivo dos impostos, e os dereitos democráticos, xa que constitúen as preocupacións e reivindicacións máis primarias da povoación. Son a punta do fío na nosa realidade, xunto coa mobilización, a base que permite avanzar no camiño da xustiza social e da soberanía nacional do povo galego. Non digo nada novo, é a experiencia de todos os procesos de liberación do mundo dende a 2º Guerra Mundial.

 

ttps://obloguedemera.wordpress.com/