Sesión no Congreso o 25 de Xullo

PSOE e Unidas Podemos volveranse reunir antes da nova sesión de investidura

Escasas horas após Pedro Sánchez fracasar na primeira votación de investidura no Congreso, o PSOE púxose en contacto con Unidas Podemos para volver reunirse “en canto poidan” para retomar as negociacións de cara á nova sesión de investidura desta quinta feira.

A bancada do PSOE no Congreso
photo_camera Bancada do PSOE no Congreso

Após Pedro Sánchez non recibir os votos necesarios para resultar investido presidente do goberno e ante a convocatoria da nova sesión de investidura para esta quinta feira, 25 de xullo, a vicepresidenta do goberno en funcións, Carmen Calvo, xa se puxo en contacto telefónico co secretario de Acción de Goberno de Podemos, Pablo Echenique, e ambos quedaron en volver reunirse “en canto poidan” para retomar as negociacións sobre a investidura de Sánchez.

Calvo non detallou cando pensa negociar con Echenique e limitouse a sinalar que a cita se producirá “en canto poidan e a preparen”

En declaracións aos medios de comunicación, Calvo afirmou que estivo reunida máis de tres horas con Sánchez, o secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, e a ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, para analizar a situación, após non se efectuar o apoio de Unidas Podemos ao PSOE, o que, de mantérense as posicións iguais no pleno do Congreso do vindeiro 25 de xullo e de non producirse unha investidura, haberá que volver ás urnas no mes de novembro nunha nova convocatoria de eleccións xerais. Esta segunda votación do 25 de xullo, o candidato Pedro Sánchez precisa obter un número de votos afirmativos maior que os negativos.

Con todo, a vicepresidenta non detallou cando pensa negociar con Echenique e limitouse a sinalar que a cita se producirá “en canto poidan e a preparen”.

Calvo sinalou que a intención do PSOE é seguir negociando para tentar acadar un acordo antes da segunda votación da quinta feira.

A pasada segunda feira 22 de xullo e unhas horas antes de arrincar a primeira sesión do debate de investidura, precisamente Calvo e Echenique mantiveron outro encontro no Congreso, mais resultou infrutuoso. De feito, o propio Pablo Iglesias avisou a Sánchez desde a tribuna de que Unidas Podemos non se ía a deixar "pisar" nin "humillar" e retou a explicar ao resto do hemiciclo a oferta que estaban a facer á súa formación para ocupar postos meramente "cun papel decorativo".

Comentarios