PSOE e Marea súmanse a PP e Cs para “cuestionar o modelo” de cidade de Pontevedra

Aproban na comisión do PXOM a revisión do plan. As catro forzas suman 13 concelleiros por 12 do BNG.

Pontevedra
photo_camera Pontevedra

A finais de 2015 nacía impulsada pola oposición unha comisión especial que tiña como obxectivo reactivar a revisión do PXOM. PP, PSOE, Marea e Ciudadanos sumaban forzas (13 concelleiros) fronte ao criterio do goberno do BNG (12 edís), que non era partidario de retomar esa redacción até que a Xunta variase algunha das súas imposicións, nomeadamente a relativa aos criterios sobre ENCE ou ben as que constrinxían o desenvolvemento do rural. Pois ben, a oposición vén agora de sumar forzas e unir votos para pedir nesa comisión especial (que concluiu os seus traballos a finais de xullo) que se pule a redacción do novo  PXOM.

“Non é raro que PSOE, En Marea, PP e Ciudadanos cheguen a acordos para intentar obstaculizar e paralizar as políticas transformadoras que impulsamos desde o goberno de Pontevedra”

O BNG, no seu momento, apostou en facer un novo Plan Xeral que substituíse o que estaba vixente desde 1989. Un equipo redactor elaborou este novo PXOM que, cando se chegou á fase de negociación coa Xunta, sufriu recortes e imposicións por parte da administración autonómica. “Impuxéronse criterios que cuestionaban o modelo urbano de Pontevedra que estabamos impulsando”, sostén o concelleiro de Mobilidade Luís Bará. “Era peor do que estaba en vigor”, aponta, de aí que se decidise manter o anterior e traballar para que novo non contemplase esas medidas que desde o goberno local entenden prexudiciais para cidade e cidadanía.

Consolidar o Modelo Pontevedra

Para Luís Bará, a decisión da oposición na comisión é un pretexto para “facer un ataque ao goberno local” e defende que o modelo de cidade polo que se leva anos traballando “está consolidado” e ten un amplo recoñecemento non só internacional, mais tamén da propia veciñanza pontevedresa.

“Non é raro que PSOE e En Marea cheguen a acordos con PP e Ciudadanos para intentar obstaculizar e paralizar as políticas transformadoras que impulsamos desde o goberno de Pontevedra”, manifesta o tamén candidato do BNG pola provincia de Pontevedra. Aponta que PSOE e “Podemos” non son quen a nivel estatal de chegar a un acordo para desaloxar Mariano Rajoy e o PP do goberno, “mais en Pontevedra si que se unen entre eles e co PP e Cs para procurar obstaculizar”. 

Comentarios