Política

Caballero insta a Xunta a "consensuar" co Parlamento un plan para "empresas, autónomas e traballadoras"

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclama a posta en marcha de medidas económicas que respalden aos sectores produtivos do país, así como a autónomas e pemes, para "resistir" estes meses coa crise do coronavirus. 
Gonzalo Caballero (PSdeG).
photo_camera Gonzalo Caballero (PSdeG).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, demandou esta cuarta feira á Xunta que "consensúe" co Parlamento "un plan de acción inmediato" para paliar os efectos negativos que está a ter a crise do coronavirus en "empresas, traballadoras e autónomas".

Así, o socialista urxiu a posta en marcha de medidas económicas que respalden aos sectores produtivos do país, así como a autónomas e pemes, para "resistir" estes meses de tantas dificultades.

"O Goberno da Xunta da Galiza está ausente e desnortado, e ten que tomar medidas para o tecido produtivo, incluíndo un plan de axudas directas inmediatas a autónomas e pemes, na liña que están facendo xa outros territorios, e que serven para complementar as medidas do Goberno do Estado", explicitou, para criticar que as medidas do Executivo de Alberto Núñez Feixoo non poden limitarse a garantir a liquidez das grandes empresas.

Neste contexto, Caballero chamou a utilizar os orzamentos da Xunta para este plan de "protección". "Todas as Administracións públicas teñen que tomar todas as medidas posíbeis para apoiar ao noso tecido económico e produtivo", defendeu, após instar a Feixoo a que "tome medidas económicas ante os problemas inmediatos, e que non trate agora de diluír a atención cando hai asuntos prioritarios como os contaxios masivos en residencias de maiores".

"Agora hai que atender o prioritario e urxente no eido sanitario, no das residencias e no económico, e despois haberá que abordar o futuro", recalcou Caballero, dende o convencemento de que "a quen lle corresponda" estar á fronte da Xunta cando remate a pandemia terá que combater as consecuencias económicas e tamén "repensar o modelo económico, sanitario e social" que existe actualmente na Galiza.

Comentarios