O PSdeG urxe á Xunta a intensificar a vacinación

O Partido Socialista propón vacinar en todas as franxas horarias e días dispoñíbeis, así como reforzar o cadro de persoal de profesionais sanitarios.
 
O deputado socialista, Julio Torrado (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado socialista, Julio Torrado (Foto: Nós Diario)

O voceiro de sanidade do grupo parlamentar do PSdeG, Julio Torrado, urxiu á Xunta, a través de diversas iniciativas presentadas na Cámara, a intensificar a campaña de vacinación da Covid-19. 

Torrado propuxo vacinar en todas as franxas horarias de días dispoñíbeis, así como reforzar o cadro de persoal de profesionais sanitarios, especialmente o de enfermaría.

“Pedimos a Feixoo que non se escude en roturas de stock cando sabe que as vacinas están aí porque a Xunta forma parte do Consello Interterritorial de Sanidade e os seus técnicos validaron o plan de vacinación”, aseverou. O deputado socialista criticou en que o presidente da Xunta “sacou este conto da chistera para sementar incertezas entre a cidadanía”.

Neste sentido, o socialista incidiu en que “a vacina é a solución máis directa e máis inmediata para arranxar a situación que estamos vivindo” polo que “é imprescindíbel intensificar a vacinación”. Así, subliñou que “o sistema sanitario non ten agora mesmo ningún reto máis serio que dedicar todos os seus esforzos a vacinar contra a Covid-19”.

“Os primeiros datos de vacinación na Galiza amosan diversas posibilidades de mellora sobre a execución actual, tanto en volume como en operatividade”, aseverou o deputado socialista. Así, Torrado recalcou que a mellora pasa por “unha maior dotación de recursos humanos que permita, á vez, vacinar a maior cantidade posíbel de persoas”.

Nesta liña, destacou a importancia de “aproveitar os tempos e días para a vacinación” e propuxo “aproveitar o maior volume de horarios diarios posíbeis e organizar quendas para empregar as fins de semana e os días festivos para vacinar, que habitualmente non son de organización laboral ordinaria”.

Aliás, Torrado lamentou os niveis de execución actuais da vacinación na Galiza, cando “o Ministerio de Sanidade ten garantida a subministración de doses de vacinación, con protocolos de entrega e calendarización para que as comunidades autónomas poidan desenvolver a práctica operativa da vacinación”.

Torrado puxo como exemplo a campaña de vacinación de Asturies, “que notificou estar nos niveis óptimos de vacinación aplicando todas as doses das que dispón no menor tempo posíbel”.

Así, destacou que en Asturies “reforzaron amplamente o cadro de persoal de profesionais e aproveitaron todas as franxas horarias e días dispoñíbeis para vacinar”.

Por último, o socialista salientou a necesidade de “ter toda a preparación necesaria e os reforzos precisos para desenvolver esta campaña coa maior intensidade, aproveitando todas as posibilidades e espremendo ao máximo as opcións que o sistema sanitario ofrece, que son moitas”, dixo.

Comentarios