O PSdeG propón un pacto galego de partidos e axentes sociais

O seu líder, Gonzalo Caballero, lembrou que o Executivo galego actúa como "interino" tras a suspensión dos comicios e empreza a Núñez Feixoo a comparecer perante a Deputación Permanente.
Gonzalo Caballero (PSdeG).
photo_camera Gonzalo Caballero (PSdeG).

Un gran acordo de reconstrución da Galiza no que participen forzas políticas, axentes sociais e as principais institucións municipais e outras Administracións. Esta proposta foi lanzada na sexta feira polo líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.

"Esa é a folla de ruta que o PSdeG vai ter para Galiza ao longo dos vindeiros meses", manifestou o dirixente socialista nunha rolda de prensa telemática na que subliñou que o Goberno galego debe antepor "os intereses da reconstrución" a "calquera interese de parte".

Caballero sinalou que o actual Executivo ten un papel "interino" en tanto que a Cámara galega foi disolta de cara a suspendida convocatoria electoral do 5 de abril. Por ese motivo, valorou necesario reunir "as principais forzas políticas" para traballar nese acordo e instou o presidente galego, o popular Alberto Núñez Feixoo, a comparecer no Parlamento. Durante toda a emerxencia sanitaria, lembrou, fíxoo unha vez.

Como saída á crise, o PSdeG pon no foco a "defensa do público" ou o papel do Estado á hora de fortalecer a sanidade pública así como unha nova política económica". "É unha batalla que temos que dar entre todos", asegurou o dirixente socialista.

Na mesma rolda de prensa, Caballero fixo un chamamento a tomar precaucións ante a evolución dos indicadores sobre o ritmo de contaxios da COVID-19 na Galiza. Segundo apuntou, estes non melloraron “na medida esperada”. 

Unha desescalada coordinada polo Goberno español

En relación á futura "desescalada" do confinamento, o dirixente socialista avogou porque o Goberno estatal coordine as medidas pertinentes para evitar os riscos que poida supor a mobilidade interterritorial.

"Se cada comunicade marcase a súa folla, inmediatamente os mesmos que presentan esa saída verían que hai riscos de movementos entre comunicades que poderían xerar transmisións de focos e facer que houbese rebrotes", sinalou, en contraposición á opción defendida polo BNG no Congreso e mais polo presidente da Xunta esta semana.

Caballero lembrou que a fase da corentena aínda non rematou. "Temos que traballar con calma, con solvencia e responsabilidade para non perder os avances feitos até agora". 
 

Comentarios