PSdeG pide á Xunta que estabeleza a gratuidade das televisións nos hospitais durante a crise do coronavirus

"É unha medida pequena pero que é moi importante para as persoas ingresadas", salienta o secretario xeral das socialistas galegas, Gonzalo Caballero.
Dispositivo multimedia no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Sergas)
photo_camera Dispositivo multimedia no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (Sergas).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu esta quinta feira á Xunta que dispoña a gratuidade das televisións dos hospitais para os doentes que están ingresados durante a crise de coronavirus. "É unha medida pequena pero que é moi importante para os ingresados", destacou o socialista, quen apuntou que esta decisión xa se implementou noutros territorios do Estado nesta etapa.

Trátase, como explicou o líder das socialistas galegas, de contribuír a reducir "a sensación de soidade e illamento" das persoas que están nos hospitais e que, por mor dos riscos de propagación do virus, non poden recibir visitas con regularidade. "A limitación das visitas ás ingresadas require medidas coma esta para darlle facilidades e evitar a sensación de soidade e illamento", declarou.

Esta medida súmase ao conxunto de propostas sanitarias realizadas polo PSdeG, como son a "apertura das plantas hospitalarias que permanecen pechadas", a "mellora das condicións laborais e da estabilidade das profesionais sanitarias", o "reforzo dos teléfonos de emerxencia" e a "potenciación da atención domiciliaria", así como o "estudo da posibilidade de prever hospitais medicalizados" para situacións extremas.

Comentarios