Política

O PSdeG urxe á Xunta a que lle faga "contratos estábeis" ás profesionais sanitarias

Gonzalo Caballero defende a necesidade de implementar "unha nova política de persoal" no Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Gonzalo Caballero na rolda de prensa desta sexta feira (PSdeG).
photo_camera Gonzalo Caballero na rolda de prensa desta sexta feira (PSdeG).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou esta sexta feira á Xunta "unha nova política sanitaria" que, no camiño de "fortalecer" o sistema público, "ofreza contratos laborais estábeis e dignos a todas as profesionais dispoñíbeis na Galiza".

"Pedímosllo hai un mes á Xunta, ao inicio desta crise, e non se fixo", recalcou o líder das socialistas galegas, que fixo fincapé en que, transcorrido máis dun mes dende o decreto do estado de alarma, "hai que facelo xa, incorporando de maneira estábel a médicos e médicas, enfermeiros e enfermeiras, auxiliares de enfermaría e celadoras".

"Ademais dos aplausos de cada día ás oito da tarde, as profesionais teñen que ter un recoñecemento laboral e os complementos adecuados para o traballo en situación de risco que están facendo", esgrimiu Caballero, que require "unha nova política de persoal" no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Neste sentido, o socialista sinalou que é "inaceptábel" que se chegara a comunicar ás enfermeiras que atenden os casos de coronavirus en Compostela a rescisión dos seus contratos, "unha decisión que o Sergas tivo que rectificar ante as denuncias dos sindicatos e dos colectivos de traballadoras".

Comentarios