Antes das reformas regresivas do PP, os convenios colectivos ao termo da súa caducidade prorrogábanse indefinidamente mentres non se aprobar un novo acordo entre traballadores e empresa. Era o coñecido como principio de ultra-actividade. O Goberno Raxoi tocou este aspecto delicado da negociación colectiva e abriu a billa para a patronal deixar morrer os convenios após 18 meses e así impor novas condicións de traballo moito máis lesivas para os cadros de persoal.
Esta é a situación que se vive neste momento en Endesa. Os traballadores temen que a empresa introduza mudanzas regresivas nas súas condicións laborais e demandan a intervención dos grupos políticos. Iso foi o que levou a unha delegación do PSdeG —composta polos deputados Patricia Otero, Begoña Rodríguez Rumbo e José Manuel Pérez Seco— a manter unha reunión co comité de empresa de Endesa na Galiza. Nela comprometéronse a dar impulso a iniciativas sobre o asunto no Congreso e no Senado. O obxectivo, darlle maior "visibilidade" ao conflito e criar as condicións para a empresa avirse a continuar negociando.
A formación socialista apoia as e os traballadores na súa demanda de que se retomen as negociacións coa compañía.
O PSdeG pensa tamén que a Xunta debe ter unha "maior implicación" após as conversas empresa-comité de empresa se teren visto rotas por decisión da dirección da compañía. O goberno galego, estima a formación liderada por Gonzalo Caballero, debe pór en marcha “os mecanismos necesarios para facilitar que as partes limen asperezas”.