O PSOE gaña as europeas na Galiza

O BNG duplica os resultados de 2014 nas eleccións europeas

O PSdeG gaña as eleccións europeas en Galiza con cinco puntos de vantaxe sobre o PP mentres que o BNG rexistra un grande aumento ao duplicar os apoios a respecto das eleccións de 2014. A candidata de En Marea: Compromiso por Europa, Lídia Senra, perde o seu escano en Bruxelas.

ana
photo_camera Ana Pontón durante a valoración dos resultados electorais. Á dereita, con chaqueta vermella, Ana Miranda.

ana mirandaO PSdeG foi o partido máis votado nas eleccións europeas na Galiza. Cun incremento de case vinte puntos na participación total no país (65,34% fronte o 45,44% da convocatoria de 2014) e cun escrutinio do 99,6%, a candidatura encabezada polo ex ministro Josep Borrell conseguiu perto de 498.000 votos, o que supón máis do 35% do total dos emitidos, números que lle serven para lle arrebatar a primeira posición ao Partido Popular que, malia incrementar en 70.000 as papeletas de hai un lustro, perde máis dun 5% do apoio popular. En total, suma case 431.000 papeletas. 

O BNG, integrado na coalición Agora Repúblicas, foi o outro gran gañador da xornada. A lista liderada na Galiza por Ana Miranda foi a terceira máis votada ao sumar perto de 168.000 papeletas e o 11,8% do total de emitidas, o que supón máis do duplo dos obtidos baixo o paraugas da candidatura de Os Pobos Deciden en 2014 (daquela foron algo máis de 80.000).

Podemos-EU, con máis de 117.000 votos, e Ciudadanos, con 96.000 votos, foron a cuarta e a quinta forza, respectivamente, nos comicios celebrados o domingo 27, no que destaca tamén a perda de apoios de Lídia Senra, que liderando a candidatura En Marea: Compromiso por Europa apenas obtivo 15.250 votos. Hai cinco anos, e liderando a lista de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, superara os 106.000 votos.

A outra candidatura galega, a que integraba Compromiso por Galicia sob a denominación Coalición por unha Europa Solidaria (conformada tamén por PNV ou Coalición Canaria, entre outras formacións) obtivo 6.520 votos, aínda que os bos resultados obtidos en Euskadi polo nacionalismo vasco lle permitirán a esta coaligazón ter representación na Eurocámara. 

No que respecta a Junts, a candidatura liderada polo expresident da Generalitat, Carles Puigdemont, acadou 1.958 votos. 

Comentarios