O PSdeG cualifica o Sergas de “explotador, o Glovo ou o Deliveroo” da sanidade

“Son varias as sentenzas do Tribunal Superior que testemuñan que o Sergas é un explotador”, afirmou no pleno parlamentario desta cuarta feira o deputado socialista Julio Torrado, quen comparou a dirección da sanidade pública galega con empresas como Glovo ou Deliveroo.

Julio-Torrado-Pleno
photo_camera O deputado socialista Julio Torrado nun pleno parlamentario. Foto: cedida.

Estas empresas atópanse no centro da polémica polas súas prácticas laborais, no gume da legalidade segundo varios sindicatos. Torrado relacionou o Sergas con elas na exposición dunha iniciativa sobre a temporalidade no cadro de persoal do Sergas, rexeitada polo PP.

“Cantos cartos, cantas sentenzas vai custar a soberbia da Consellaría de Sanidade?”, preguntouse, antes de mencionar unha das condenas xudiciais ao Sergas que cualifica os seus contratos laborais de “fraudulentos”. A precariedade e a inestabilidade definen boa parte das relacións laborais do Sergas.

En Marea e BNG sumáronse á iniciativa do PSdeG, mentres o PP se escudou en que “a concatenación de contratos nos servizos de saúde non é un problema exclusivo de Galiza”.

Comentarios