Acordo de goberno

PSdeG e BNG gobernarán en coalición a Deputación de Lugo

A menos de 24 horas para a realización do pleno de constitución da Deputación de Lugo, o BNG e o PSdeG chegaron a un acordo para un goberno de coalición na institución provincial, cuxa presidencia recaerá en José Tomé, alcalde do PSdeG en Monforte, e estabelecerase unha vicepresidencia única que levará Maite Ferreiro, concelleira do Bloque Nacionalista Galego en Lugo.

Deputacion de Lugo
photo_camera Deputacion de Lugo

Na véspera do pleno de constitución da Deputación de Lugo PSdeG e BNG asinaron un documento de acordo para un goberno de coalición entre ambas as dúas forzas. A presidencia recaerá en José Tomé, alcalde do PSdeG en Monforte e estabelécese unha vicepresidencia única, que levará o BNG coa concelleira nacionalista en Lugo Maite Ferreiro.

Este acordo, segundo declaran desde o BNG a Sermos Galiza, enmárcase na liña dos pactos levados a cabo para a consecución dos gobernos das deputacións da Coruña e Pontevedra e que se basearon nos principios de adelgazamento destas institucións para outorgar maior poder real aos concellos e en impulsar un proxecto de transformación social.

O acordo enmárcase na liña dos pactos levados a cabo para a consecución dos gobernos das deputacións da Coruña e Pontevedra e que se basearon nos principios de adelgazamento destas institucións

Así mesmo, entre as medidas transversais que inclúe este acordo está afianzar o principio de cooperación institucional, garantir os principios de ética e transparencia na gobernación pública da institución, aplicar a normativa do uso da lingua galega e mellorar os recursos existentes para "desenvolver unha verdadeira política de normalización lingüística", ou garantir o uso da linguaxe inclusiva e da perspectiva de xénero.

O PSdeG encargarase das áreas de promoción económica e social, innovación e TIC, participación cidadá e transparencia, xestión territorial e parque móbil, goberno interior, asuntos xerais e formación, economía, recadación, facenda, promoción do territorio e turismo, cooperación e asistencia aos concellos e medio ambiente.

Pola súa banda, o BNG xestionará deportes, cultura, patrimonio histórico e artístico, artesanía e deseño, normalización lingüística, medio rural, mar e mocidade.

O acordo de goberno de coalición tamén inclúe a creación dunha comisión integrada por representantes de PSdeG e BNG

A Xunta de Goberno estará composta por nove membros. Sete serán do PSdeG e dous do BNG e reuniranse cada sexta feira ás 11,00 horas. As comisións estarán compostas por oito membros e haberá tres presidencias para o PP, outras tres para o PSdeG e unha para o BNG.

O acordo de goberno de coalición tamén inclúe a creación dunha comisión integrada por representantes de PSdeG e BNG para o seguimento dos acordos e a toma de decisións con carácter xeral, que manterá encontros semanais.

O pleno de investidura será esta quita feira ás 12,00 horas.

Comentarios