O PSdeG apela á "maioría social progresista" da Galiza fronte a Feixoo

O PSdeG xa prepara o seu programa electoral para as eleccións galegas de 2020, nas que o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, será o candidato á presidencia da Xunta.
psdeg cmité nacional caballero
photo_camera Gonzalo Caballero intervén no Comité Nacional do PSdeG.

Os socialistas galegos aspiran a converterse "na primeira forza política" da Galiza o próximo ano. Así o afirmou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, durante a reunión do Comité Nacional do seu partido.

Após abordar os resultados do 10 de novembro, Caballero indicou que o PSdeG afronta os comicios galegos "cos deberes feitos", aínda que instou a "complementar" ese "esforzo" para se erixir na "única alternativa que pode retirar ao PP da Xunta de Galiza".

Con todo, Caballero fixo fincapé na existencia dunha "maioría social progresista" á que deben "convencer" de cara ás autonómicas de 2020 e "sen ningún tipo de triunfalismo".

Apartar a Feixoo da Xunta

En referencia ao presidente da Xunta, o lider dos socialistas galegos asegurou que Alberto Núñez Feixoo "non dá solucións aos problemas" da cidadanía "e dedícase a utilizar as institucións públicas" para a súa "confrontación" co Goberno estatal.

"Feixoo di que somos soberbios”, engadiu, “el, que leva 11 anos á fronte da Xunta e 25 subido ao coche oficial. El, que está subido ao poder da man da dereita máis rancia e dos sectores máis conservadores".

Neste sentido, Caballero apelou a activar "toda a forza das ideas" para "saír a gañar as eleccións" galegas, e confirmou que será o presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, o encargado de elaborar unha "estratexia aberta" e de "rumbo claro" co fin de apartar a Feixoo do Goberno galego.

Goberno de coalición

Sobre o pacto para un Goberno de coalición entre o Partido Socialista e Unidas Podemos, Gonzalo Caballero asegurou que "España necesita un Goberno de progreso que aborde a vontade mostrada pola cidadanía e deixe de estar en funcións.

Comentarios