Portugal: PS gaña as eleccións e Costa aposta en repetir a 'geringonça'

Socialistas soben 20 escanos (pasan ter 106), Bloco mantense en 19 e CDU baixa a 12. A extrema dereita entra no Parlamento portugués. A abstención foi de 45%

f5_Portugal

Tal e como apontaban as enquisas e sondaxes, o Partido Socialista de António Costa gañou as eleccións en Portugal, aumentando en voto e cadeiras no Parlamento mais sen acadar a maioría absoluta que procuraba. Nunhas eleccións marcadas pola alta abstención (45,5%), o PS atinxiu 36,6% dos apoios e 106 deputados e deputadas, 20 máis que as obtidas nos anteriores comicios. Costa xa anunciou a súa disposición a repetir goberno en solitario con apoio externo desde a esquerda, se ben agora aritmeticamente precisaría só unha das dúas forzas que lle prestaron ese respaldo. o socialista, pois, quer repetir a geringonça (unha chambonada ou unha chafallada, que se di ao norte do Miño) foi o termo acuñado polo intelectual lisboeta Vasco Pulido Valente e que se popularizou para designar o acordo programático das tres forzas da esquerda parlamentar após as eleccións lexislativas de 2015.

O PSD é segunda forza, con 77 cadeiras. Cómpre lembrar que en 2015 a dereita concorrera unida (PSD e CDS-PP) baixo a marca 'Portugal á Frente', que foi a máis votada (107 representantes) mais ficou sen Goberno polo acordo de PS, BE e PCP.

O Bloco de Esquerda mantén número de cadeiras no Parlamento (19) embora baixar levemente en apoios: ten 9,7% dos votos, 5 décimas menos que en 2015. A CDU, coligación de Partido Comunista e Os Verdes, obtén 12 representantes (baixa 5) e 6,5% dos apoios nas urnas (8,2% en 2015).

Unha das grandes derrotadas é a dereita conservadora que representa CDS-PP e que apenas ainxiu 5 deputadas. CDS e PSD suman agora 82 cadeiras cando hai catro anos obtiveran 107.

A elevada abstención facilita que entren na Cámara novas formacións, entre elas a de extrema dereita Chega!, que logrou un parlamentar. Tamén logran representación Iniciativa Liberal e Livre. O animalismo de PAN sobe a 4 representantes.

Comentarios