O proxecto de lei de Facenda invade competencias galegas

O BNG presentou varias emendas para o texto 
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)
photo_camera O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)

O proxecto de lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal “invade as competencias da Galiza en materia de Dereito Civil”. Así o considera o Bloque Nacionalista Galego, que presentou no Congreso dos Deputados, a través do seu voceiro, Néstor Rego, distintas emendas para eliminar do texto as reformas que afectan á Lei do IRPF e do Imposto de sucesións no que ten que ver coas herdanzas en vida. Neste sentido, Rego destacaba que “con esta reforma o Ministerio de Facenda penaliza os cidadáns e cidadás galegas ademais de invadir competencias autonómicas”. 

O BNG considera que o Estado non pode regular indirectamente unha figura propia do dereito civil da Galiza, facendo que na práctica dificulte ou impida que se acuda aos pactos sucesorios.

Ademais, a regulación que pretenden “supón un tratamento indiscriminatorio desde o punto de vista fiscal para aqueles herdeiros ou herdeiras que reciban bens en vida fronte a aqueles que o fan tras a morte dun familiar, cando se trata nos dous casos de adquisición ‘mortis causa’”, apunta o partido. 

De aprobarse a reforma, unha persoa que herda e recibe os bens en vida e os vende antes da morte do causante deberá tributar polo incremento patrimonial desde que o testador adquirira o ben. O deputado nacionalista advertiu que, de manterse o texto actual, suporá un grave prexuízo para moitos e moitas galegas que se acolleron a esta modalidade hereditaria e que ante a situación da crise económica que está por chegar, poden verse na necesidade de vender os bens recibidos para facer fronte a gastos vitais.

“Non sería xusto que Facenda se aproveitase desta circunstancia asumindo por riba unhas competencias que non lle corresponden”, subliñou. “En ningún caso pode considerarse que haxa unha intención de fraude que deba ser penalizada”. 

Rego tamén destacou que este non é o primeiro intento por parte de Facenda do Estado de intentar forzar a tributación dos pactos sucesorios como se de transmisións entre vivos se tratase.

Neste sentido, distintas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza e o propio Tribunal Supremo consideran que os pactos sucesorios son, a pesar de se produciren en vida do causante, ‘actos mortis causa’ e, polo tanto, non cabe que se pretenda a súa homologación coas doazóns ou con outros actos xurídicos semellantes a estes. 

Comentarios