Proxecto Batefogo visibiliza a loita das mulleres contra os lumes en ‘Árbores que non arden’

O colectivo de intervención social, que leva anos loitando pola dinamización do medio rural como vía para a redución do número e impacto dos incendios forestais, tira do prelo da man de Catroventos Editora un volume que, a través das voces de diferentes autoras, reflexiona en feminino sobre a prevención e a extinción dos lumes.

Lámina AQNA
photo_camera [Imaxe: Proxecto Batefogo] Lámina de Xoana Almar para 'Árbores que non arden'

“Visibilizar” o papel das mulleres “nun contexto tremendamente masculinizado como é o mundo do lume” é o obxectivo de Árbores que non arden, explica en declaracións para Sermos Galiza Miguel Pardellas, membro do Proxecto Batefogo, entidade coordinadora dun libro publicado por Catroventos Editora.

No texto, once autoras achegan diferentes perspectivas sobre un eido no que, como apunta Pardellas, “aparentemente a muller non existe”. “Son textos amábeis de ler, e moi divulgativos, pois queriamos fuxir dun perfil netamente académico”, engade.

Así, entre outras, as historiadoras Ana Cabana e Lara Barros realizan un estudo sobre o papel das mulleres nas loitas labregas e nas comunidades de montes, respectivamente; a enxeñeira de montes Beatriz Rodríguez-Morales escribe sobre os outros aproveitamentos dos ecosistemas e a súa relación coas tarefas que tradicionalmente asumen as mulleres; María Ferreiro e Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego, reflicten as súas impresións sobre a xestión do territorio que fan as labregas e gandeiras; e as arquitectas Sofía Paleo e María Novas efectúan unha análise desde o punto de vista urbanístico con perspectiva de xénero, onde analizan o porque de determinadas normativas e a “necesidade” dunha lectura co ecofeminismo como base para “impulsar” unha nova xestión do territorio.  

Un libro para “lanzar un debate”

Desde o Proxecto Batefogo explican que con Árbores que non arden tamén pretenden “lanzar un debate sobre a posta en marcha de determinados tipos de iniciativas ” que contemplen unha lectura de xénero vinculada coa xestión do territorio e a dinamización comunitaria, das que xa existen algunhas “moi interesantes, e lideradas por mulleres”.

Con ese obxectivo tamén pensaron o título do volume, que para eles é o que representan as mulleres, en moitos casos, na actualidade no rural galego”. “Son as que están aí, buscando outra forma de facer as cousas e as que teñen esa capacidade de enfrontarse aos lumes, quizais non con métodos tradicionais, senón usando outro tipo de armas”, apostilan.

Asemade, e para afondar “o máis posíbel” no tema, o libro incorpora unha serie de entrevistas a mulleres “que estaban a dinamizar as súas comunidades”, desde gandeiras até políticas, pasando por labregas ou activistas do ecoloxismo, mais sempre (a pesar do diverso dos perfís) “co nexo común da relación coas causas estruturais dos incendios forestais, como o envellecemento do rural, a crecente despoboación feminina e a falta de cohesión das comunidades”.

Un ‘crowdfunding’ máis que exitoso

Ás orixes de Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais está nun crowdfunding público que logrou 6.326 euros, case o triplo dos 2.700 que os seus promotores consideraron como cantidade necesaria para sacar adiante o proxecto.

Para Miguel Pardellas, o financiamento popular serviulles para facerlle “de altofalante” ao debate, “chegando a xente á que normalmente non teríamos chegado”, e conclúe gabando o acompañamento gráfico deseñado pola artista Xoana Almar, da cooperativa Cestola na Cachola, que elaborou unha lámina presentada a modo de sobrecuberta despregábel pola editorial.

Comentarios