O persoal de Povisa segue sen saber cal será o futuro do hospital referente para máis de 135.000 persoas na comarca de Vigo. Esta cuarta feira 9 de outubro acudiron ao Parlamento que trata este tema na súa sesión da tarde.
Ás portas do propio Parlamento Chus Neira, representante da CIG no comité de empresa de Povisa, asegura a Sermos Galiza que aínda non teñen ningunha nova información nin da empresa nin do Sergas, nin da Xunta. “Todo o que sabemos é a través dos medios de comunicación”
Neira afirma que o propio cadro de persoal de Povisa non entende “que se venda Povisa por 24 millóns, que o Sergas e a Xunta non asuma a compra do hospital por ese importe e que deixe que a sanidade pública que se atende no hospital pase a depender agora de Rivera Salud”.
A representante da CIG en Povisa recoñece que o persoal ten “medo de que muden as nosas condicións laborais, tamén a calidade que se preste, que se privatice aínda máis a sanidade pública”. Chus Neira explica a Sermos Galiza que a protesta non é pola futura compra da parte privada “mais que se merque o 80% que agora é do Sergas non se pode permitir”.
O persoal de Povisa desprazado a Compostela asistirá pola tarde ao Pleno do Parlamento no que o Goberno galego terá que responder ás preguntas dos diferentes grupos políticos.