Protestas do comité de Navantia e auxiliares de Endesa nas Pontes diante do Parlamento

A última sesión no Parlamento galego do debate de investidura de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta estivo acompañada, desde a rúa do Hórreo, con dúas mobilizacións que protestaban pola situación laboral de Navantia e o futuro das auxiliares de Endesa nas Pontes. 
Concentración diante do Parlamento do comité de empresa de Navantia e delegadas e delegados das empresas auxiliares.(Arxina)
photo_camera Concentración diante do Parlamento do comité de empresa de Navantia e delegadas e delegados das empresas auxiliares.(Arxina)

A entrega o pasado 2 de setembro dun dos dous buques da armada australiana que se están a construír en Navantia e a finalización do outro para finais deste ano sen ningún outro contrato para 2021 está a crear un gran malestar no persoal do estaleiro. Membros do comité de empresa e representantes das auxiliares concentráronse onte diante do Parlamento galego, coincidindo coa finalización do debate de investidura de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta, para amosar a incerteza dunha situación que podería deixar sen emprego en poucos meses milleiros de traballadoras e traballadores. 

"Estamos nunha situación desesperada", aseguraba onte o secretario da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, "quedaremos sen ningunha carga de traballo, máis alá das reparacións e da eólica mariña", engadía. Desde a central sindical nacionalista alertan que 2021 será "un ano morto" en Navantia Ferrol. O responsábel deste sindicato no estaleiro, Marcelo Amado, aseguraba diante do Parlamento en relación á carga de traballo que "non é dicir que haberá pouca, é que non vai haber ningunha”. 

Os 3.000 empregos que perderán as auxiliares

A maior preocupación no futuro a curto prazo que trae esta situación é a posíbel perda de 3.000 empregos que se corresponden cos que na actualidade contan as auxiliares que agora traballan para Navantia. Na memoria da central nacionalista están as mobilizacións e folgas nalgunhas das máis grandes, como foi o caso de Tecman-Rayma e de Indasa, en 2019.  Amado denunciaba que mentres na ría de Ferrol non saben nada do Goberno español, nos estaleiros do sur do Estado o Ministerio de Facenda xa anunciaron o gasto para a construción dun buque de acción marítima "mentres que aquí as traballadoras e os traballadores das auxiliares serán expulsados ao desemprego". 

Adiantar a construción das fragatas F-110

Unha das posíbeis solucións para impedir a perda de postos de traballo, segundo Amado, sería o adianto dos prazos do programa de construción das fragatas F-110 para a Armada española. A representación sindical teme que sexa todo o contrario e que mesmo as datas previstas na actualidade se demoren  moito máis.  

Outra das propostas que avanzou Vidal para solucionar o problema da carga de traballo é "aproveitar o impulso da construción das fragatas e as novas infraestruturas para saír ao mercado civil con propostas avanzadas" que non están en consonancia "co atraso do denominado estaleiro 4.0".

Ademais, Vidal sinalou que a mobilización diante do Parlamento é un toque de atención a Feixoo para difundir que "o Goberno galego ten un papel importante que xogar, os estaleiros da ría son públicos e sempre reclamamos que a Xunta da Galiza debe estar no Consello de Administración de Navantia e ten que exercer presión, porque as decisións que afectan a Fene e Ferrol, tanto sobre carga de traballo como sobre as propias instalacións e a organización, son decisións políticas".

Mobilización no Hórreo das auxiliares de Endesa nas Pontes 

Na última sesión do debate de investidura, traballadores e traballadoras das auxiliares de Endesa nas Pontes tamén realizaron unha concentración ás portas do Pazo de Hórreo para demandar un proceso de transición xusto que pasa por dar garantías de emprego a este persoal e dotar de futuro industrial a bisbarra.

A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións periódicas que a CIG, CCOO e UXT convocan polo que consideran "falta de avances nas solucións" para as traballadoras e traballadores das contratas e subcontratas da central térmica que, a día de hoxe, denuncian que seguen sen contar cunha submesa específica e permanente na que abordar unha solución global á súa problemática, ao igual que xa existe para o colectivo de transportistas da multinacional.

Comentarios