Protesta contra Filipe VI “por rei, por anacrónico e por antigalego”

Dous centos de persoas concentráronse diante da Reitoría da UDC na Coruña para protestar pola visita de Filipe VI na inauguración do curso académico. Amplo despregue policial e de medios informativos para dar cobertura ao rei.
Galiza NON ten REI (1)
photo_camera A concentración desta segunda feira na Coruña diante do Paraninfo.

“A monarquía é unha institución que nega o dereito elemental dun pobo, como é o dereito á autodeterminación, o dereito a decidir. Pero ademais trátase dunha institución totalmente anacrónica e antidemocrática”, dixo Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega, a plataforma que convocou a protesta, minutos antes da chegada do monarca, que accedeu ao recinto do Paraninfo pola porta oposta á que se encontraban os manifestantes.

Un policía cada cen metros desde os Xardíns de Méndez Núñez até O Parrote, e despois do hospital Abente e Lago, unhas cantas ducias máis deles. Autoridades, con ampla presenza de políticos socialistas, e xornalistas e reporteiros gráficos agardaban a chegada de Filipe VI na porta sur do Paraninfo da UDC. Diante da outra porta, a do norte, xunto ás murallas da Cidade Vella, dous centos de persoas a berro de “Galiza non ten rei!” sostiñan faixas reclamando unha República galega e lucían bandeiras da patria e bandeiras da II República española.

Á convocatoria de Vía Galega, que reúne unhas cincuenta asociacións de diversa índole que teiman no dereito a decidir, sumáronse outras entidades da cidade, como Galiza pola República, activistas sociais, representantes do movemento veciñal e colectivos da esquerda desde o nacionalismo até o republicanismo e o anarquismo. Así, entre os manifestantes, estaban entre outros o secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, o líder coruñés do BNG, Francisco Jorquera, o responsábel comarcal da CIG, Xabier Filgueira, xunto a membros de Anova ou Esquerda Unida e asociacións republicanas e veciñais.

“Inaugúrase o curso académico nunha universidade como a UDC que está a sufrir un proceso de españolización galopante e a monarquía vén aquí para dar carta de normalidade a unha situación que non deixa de ser anormal”, rematou Louzao en declaracións a Sermos Galiza.
 

Comentarios