A protesta contra a "eucaliptización" do Plan Forestal chegará ao Parlamento

O Parlamento galego debaterá o vindeiro 23 de febreiro a primeira revisión do Plan Forestal da Galiza proposto pola consellaría de Medio Rural. Máis dun cento de entidades e colectivos anunciaron hoxe que protestarán ese día a partir das 11 horas desde o exterior da cámara baixo o lema 'Non ao plan forestal  do PP. Por un monte  galego con futuro' para denunciar o que consideran "carácter destrutivo" da proposta.
Rolda de prensa na que os colectivos anunciaron as accións contra o Plan Forestal o vindeiro día 23 de febreiro en Compostela (Cedida)
photo_camera Rolda de prensa na que os colectivos anunciaron as accións contra o Plan Forestal o vindeiro día 23 de febreiro en Compostela (Foto: Cedida)

Representantes do mundo sindical, rural, labrego e ecoloxista representando a medio cento de entidades presentaron hoxe en Compostela as accións que levaran a cabo con motivo da discusión do novo Plan Forestal no Parlamento galego o vindeiro 23 de febreiro. 

"Levamos anos buscando unha política forestal diferente, sostíbel e diversificada", explica Benito Andrade da Plataforma Ecoloxista Galega. Os antecedentes da proposta actual da consellaría de Medio Rural veñen de  2015, cando se presenta no Consello Forestal Galego a idea de renovar o Plan Forestal que estaba en vigor de 1992 que, segundo estas organizacións "se tiña incumplido até entón". Estas actuaron como órgano consultivo até abandonar ese proceso recentemente.

"Pensamos que a razón desta decisión foi a chegada do anuncio dos fondos europeos". O novo borrador que se presentará no Parlamento, no que non participaron é, para estas entidades, "tremendamente destrutivo para os nosos montes". 

Un Plan que apoia a eucaliptización

Desde o punto de vista ecolóxico o Plan, aseguran, "apoia a eucaliptización" pola expansión dunha variedade que se adapta tamén a zonas onde até o de agora non estaba presente. "A única utilidade que ten é a produción de fibra", asegura Andrade, "ampliando o territorio con esta especie pola degradación dos terreos que até agora contaron con eucaliptos", engaden, expandindo a "desertificación". 

Outro dos problemas é o aumento en 50.000 hectáreas de coníferas, igual de pirófitas. No Plan non se especifica se se reducirá terreo agrícola mais sospeitan que, a través da Lei de recuperación de terras e o concepto de solo abandonado "é de agardar que se faga este aumento ou das matogueiras, que tamén teñen o seu propio ecosistema". Denuncian que non hai medidas de protección de solos, "nin nos bosques de ribeira". O obxectivo deste Plan, segundo Andrade, é "restaurar 1.000 hectáreas en 20 anos" polo que sería "unha parte mínima das especies invasoras". 

Intereses “produtivistas” e sen consenso

As entidades que protestan contra a proposta da Xunta afirman que non se contou con elas para para o futuro plan forestal.  Diego Sánchez, do Sindicato  Labrego  Galego (SLG) afirma que "non nace con consenso nin participación" e parte dun diagnóstico "ficticio" ao tomar como referencia un Inventario Forestal Estatal "desfasado". 

Desde a Organización  Galega de Comunidades de Montes o seu presidente, Xosé Antonio Pereira, urxe ao Parlamento a que rexeite este texto e volva  ao Consello Forestal para iniciar "un proceso participativo". Ademais, advirte de que o PP busca que "desaparezan" os montes veciñais. Remarca que ningunha das bonificacións que se propoñen pódese aplicar a este modelo. Incide en que o obxectivo é "entregar as terras comuneiras" a empresas para "proxectos  megaforestais" ou "campos de golf". 

Da mesma maneira, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, carga contra unha reforma que obedece "unicamente a intereses  produtivistas", á vez que se defende unha "eucaliptización" da Galiza a través dunha postura "antidemocrática" do PP. Todo iso, nun texto deseñado con "coordenadas contrarias á biodiversidade, a multifuncionalidade e as reservas ecolóxicas importantes", segundo indica Carril. 

Por último desde a Federación Rural Galega (Fruga) denuncian que se sae adiante este Plan o agro galego correría perigo. O seu coordinador, Manuel Dacal, avisa que  suporá "deixar a terra agropecuaria en mans de grandes poderes e intereses especulativos" en contra da poboación que "vive e traballa no medio rural galego".

Comentarios