Opinión

Contra a prostitución, educación

Esta semana asistín a un debate na Asociación Veciñal da Agra do Orzán, na Coruña, no meu barrio. Antes do debate, que ía sobre prostitución, proxectouse un breve documental que falaba do turismo sexual en Saly, unha zona de praias ao sur de Dakar. A área turística de maior luxo do país e moi visitada polos europeos. Algúns, na procura de mozas e mozos senegaleses.

O documental describía como os homes e as mulleres brancas, de cincuenta ou máis anos de idade, compran os servizos das rapazas e rapaces negros. Hai mercado na praia, onde os mozos exhiben seus corpos bailando ou practicando deporte.

O tema da prostitución está de actualidade no Estado español estas semanas pola aparición dun sindicato que se define como “de traballadoras sexuais”. Eu penso que en realidade a cuestión non interesa demasiado salvo porque veñen eleccións e os políticos rescatan un asunto que está no debate feminista. 

Fálase de que a prostitución é un asunto tan antigo como o mundo. Por suposto! Tan antigo como as diferenzas entre ricos e pobres. Sempre houbo xente que podía pagar, e xente que necesitaba o diñeiro (ou outro tipo de bens intercambiables). Hoxe pasa o mesmo. No mesmo documental un rapaz explicaba que unha europea lle comprou dous coches e unha casa. “Non estou namorado”, declarou. É taxista, así que os coches viranlle ben para o traballo.

O documental describía como os homes e as mulleres brancas, de cincuenta ou máis anos de idade, compran os servizos das rapazas e rapaces negros

 

Coñezo alguén moi próximo, neste caso unha muller, que agora vive en Bélxica despois de casar cun home moito maior que ela. Levo tempo sen poderlle falar. Non colle o teléfono cando chama a familia. Hai anos que penso que cando era máis nova puiden terlle dado algúns consellos. Sei que é moi obstinada, por iso serían precisos varios argumentos para convencela de que non vendese seu corpo a cambio de nada.

O primeiro é apelar a súa vontade. Cando veñen malos tempos, hai que resistir. Non renderse. Ela diría que non se rendeu…

Despois diríalle que vender o corpo fai dano a outras mulleres e a sociedade en xeral, que non hai que desvalorizar a muller, que a muller non ten prezo e que elas son o sostén de calquera sociedade, que unha sociedade é o que son as súas mulleres, e que se están diminuídas no seu valor, a sociedade está diminuída. Pero ela diría que a sociedade non lle importa, que o corpo é dela e só dela…

Daquela falaríalle da familia, da nai e do pai que a coidaron e a educaron, de que ten un deber para con eles e que deber significa débeda. Eles sofren cando ela sofre. Pero, obstinada, ela diría que non sofre, que o corpo e seu e que vive ben e que seus pais deberían estar tranquilos porque ela está ben…

Despois diríalle que vender o corpo fai dano a outras mulleres e a sociedade en xeral, que non hai que desvalorizar a muller

 

Vou esgotando os argumentos. Así que lle reprocharía que a súa comodidade enfada a familia, prexudica outras mulleres e a sociedade enteira, que non é valente e que mesmo o que precisa é un pouco máis de educación.

Fun profesor e adoro a pedagoxía. Acredito na pedagoxía como remedio contra moitos males da sociedade. Habería que entender que esas diferenzas económicas entre ricos e pobres danse tamén no campo da educación. Pero a fenda pódese ir fechando con máis présa na educación, e iso contribuiría a ir cerrando a fenda económica. Quen se prostitúe son os pobres e os que menos recursos educativos posúen.

Penso que a escola é un lugar para comezar a atacar e erradicar as desigualdades. Empecemos por unha desigualdade fundamental, a que se produce entre mulleres e homes. Na escola pódese empezar a revalorizar o papel da muller na sociedade. Neste ámbito, sería intelixente que os homes se anotasen ás tarefas de coidado e adestramento como profesores nos primeiros ciclos escolares. Na escola é máis fácil mudar os roles que na casa. 

Fun profesor e adoro a pedagoxía. Acredito na pedagoxía como remedio contra moitos males da sociedade

 

Despois, unha vez conseguida certa igualdade entre mulleres e homes, habería que abordar primeiro a sexualidade e a liberdade e nese contexto falar de prostitución coas nenas e nenos. Ensinarlles valores e comportamentos en función a eses valores de respecto a si mesmos e aos demais, dereitos e deberes, e igualdade. 

É preciso mudar o valor fundamental da sociedade actual: o diñeiro. Dise que un estudante que pensa de inmediato nos cartos, non chegará lonxe. Se conseguimos que as mozas e mozos non empecen a pensar rápido no diñeiro e se interesen máis por formarse e aprender, poderemos mudar moitas cousas e non perderemos tanto tempo en explicarlle a tanta xente que sofre que os demais estamos aquí para axudalos. 
 

Comentarios