A proposta de Luís Villares como candidato das Mareas, nas mans de Beiras

Os indiscutíbeis dirixentes do proceso das Mareas -os tres alcaldes- apostan claramente no maxistrado como o candidato do consenso para as eleccións galegas. Mais o consenso, para ser real, ten de pasar previamente un filtro, o de Beiras.

Luís Villares
photo_camera Luís Villares

Segundo as fontes consultadas por Sermos, non se pode falar aínda de acordo no seo das Mareas arredor de Luís Villares, mais as súas opcións -mesmo a ollos de Anova- aumentan por momentos.

Hai basicamente dúas incógnitas a despexar. A primeira e a fundamental é a de Beiras. A día de hoxe o líder de Anova non ten tomado unha decisión definitiva sobre se concorrería ou non a unhas primarias no seo das Mareas. De se decidir polo non, o veterano político de Brión non poría a proa á operación Villares.

Villares é un nome que aparece fortemente vinculado a Xulio Ferreiro e á Marea Atlántica. O achegamento do alcalde da Coruña ao aparato central de Podemos, moi perceptíbel na última campaña eleitoral, provoca certas reticencias no seo de Anova. O maxistrado, porén, tería tamén o apoio de Martiño Noriega, co-portavoz nacional da formación que lidera Beiras. Iso blindaríao en parte. Mais a operación, segundo soubo Sermos, aínda non está fechada.

Villares é un nome que aparece fortemente vinculado a Xulio Ferreiro e a Marea Atlántica

Despois está o factor Podemos, moito impredicíbel neste momento. O partido morado aínda non ten nen formalmente decidido se irá ou non en coligazón coa Marea. É altamente probábel que si, sendo que só defende o contrario un núcleo crítico sen apoios reais na dirección galega ou española. O asunto para Podemos Galicia non é tanto mareas si ou non, senón a forma concreta de inserción nesa plataforma. A sigla de Pablo Iglesias na Galiza non quere nen ouvir falar de disolución nunha marca nova, nun proceso estilo o que abandeira Colau en Catalunya.

Carmen Santos, a secretaria xeral de Podemos Galicia, ten a súa clara inclinación pola opción Beiras, mais, se este decidir retirarse da carreira, todo indica que asumiría o nome de Villares.

O asunto para Podemos Galicia non é tanto mareas si ou non, senón a forma concreta de inserción nesa plataforma

O calendario aperta, así que a intención dos tres alcaldes -claramente os motores dun proceso que se está a dirixir basicamente desde arriba- é que todo se resolva na asemblea de Vigo do próximo día 30.

O obxectivo continúa a ser o de pactar un nome e logo referendalo nunhas primarias non competitivas, ou sexa, de carácter plebiscitario, como as que no seu momento serviron para nomear como candidatos aos que neste momento son alcaldes de Santiago, A Coruña e Ferrol.

A vía do consenso, en definitiva, está neste momento en mans de Beiras. Se el decide afastarse, haberá candidato único. Se non, se Beiras decidir baixar á area, o probábel é que Villares non compita e se vaia a un escenario de perfís neste momento imprevisíbeis.

Pros e contras

A escolla para as mareas non é doada. Os pros da operación Beiras son evidentes. É un político universalmente coñecido pola populación galega e ten un bon récord eleitoral ás súas costas. Os contras, tamén. Basicamente teñen a ver coa súa condición de octoxenario. Os pros de Villares son que o seu perfil empata co da Nova Política, mais na onda Podemos (un xuíz, na esteira de Carmena) do que na de Anova. Os contras, o feito de ser un perfeito descoñecido para a inmensa maioría da sociedade galega e que apenas tería dous meses e medio para popularizar o seu rosto.

Comentarios