Opinión

A propósito da violencia de xénero

O día 25 de novembro é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. En 1993 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller. O 17 de Decembro de 1999 a ONU designa o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero e define a violencia contra as mulleres como “todos os actos de violencia sobre o xénero que de maneira posible ou real física, sexual ou psicolóxica, incluíndo ameazas, coacción ou privación arbitraria da liberdade, se produce tanto na vida pública como na privada, actos que impactan de maneira negativa na súa identidade e benestar social, físico, psíquico ou económico”. Mais a violencia non é só violencia contra unha muller-individuo física ou potencial. As caras da violencia son moi diversas. Hay unha violencia estrutural que afecta a educación, ao mundo socio-laboral, ao xurídico-político e a publicidade. As vítimas mortais son a consecuencia mais dramática de esta violencia estrutural, patriarcal e machista. Primeiro cómpre facer visíbel a situación para poder eliminala.

A desigualdade de xénero afecta a toda condición social, económica, racial, relixiosa e cultural durante a vida. Son moitas as formas de discriminación e violación dos Dereitos Humanos. A violencia é o fracaso da construción social da humanidade. É unha forma de exercer o poder pola forza. Moitas mulleres viven o maltrato e non toman conciencia da súa situación. Por iso é necesario facer visible –visibilizar- estas agresións. É o primeiro paso obrigado para sensibilizar e eliminar estes comportamentos patriarcais.

Eu son coruñesa. A Coruña do fins do s.XIX e principio do XX destacou polo protagonismo das mulleres, tanto das mulleres populares, no mundo do traballo asalariado e o seu asociacionismo como no das mulleres da burguesía e as súas achegas político-sociais e culturais. Eu son coruñesa dun barrio obreiro-mariñeiro, de Catro Camiños, de familia mariñeira, vinculada ao porto e ao “muro” da Coruña. A miña bisavoa foi “augadora”, existía desde 1901 o “Gremio de Aguadores e Aguadoras La Libertad”. A miña avoa traballadora do “muro”. Na miña infancia non vivín violencia doméstica, esa que se vive no fogar, pero si a violencia estrutural contra as mulleres, a violencia machista. Na Galiza as mulleres populares sempre traballaron e traballan dentro e fóra da casa, xornadas duras e dobres.

As caras da violencia son moi diversas. Hay unha violencia estructural que afecta a educación, ao mundo socio-laboral, ao xurídico-político e a publicidade.

No mundo rural en tarefas do campo para alimentar a familia e completar unha cativa economía. No mundo do mar son elas as que realizan traballos case feminizados como mariscadoras, redeiras, nas fábricas de salgadoiro, nas conserveiras, nas cocedeiras… A incipiente industrialización de principios de século da Coruña incorporou as mulleres a traballos fóra da casa, na fábrica de tabacos, na de mistos, nas conserveiras, nos salgadoiros, ademais dos oficios tradicionais de costureiras, traballadoras do fogar, lavandeiras… Pero estas mulleres que son parte dun camiño cara a igualdade non se beneficiaron das conquistas sociopolíticas dos tempos posteriores.

É o feminismo americano do século pasado o que logra a visibilización da violencia estrutural e sexual contra as mulleres. K. Millett forma parte da segunda onda do feminismo americano dos anos 70 que o lema: o persoal é político, denunciando as estruturas e a ideoloxía patriarcal, o reparto sexual do poder e do traballo. O poder dos varóns, sosteñen, sitúase no público onde está a ciencia, a cultura, a política e as mulleres están reducidas ao ámbito privado, doméstico, ao mundo dos coidados. Os estereotipos sexuais tradicionalmente están marcados pola diferencia biolóxica. É “natural” que a muller abandone o traballo polo coidado dos fillos, por exemplo. Afirman, din, a muller necesita ser protexida, non debe camiñar soa… A oposición a estes estereotipos vai gañando terreo. Grazas a achegas como estas sae a luz a violencia doméstica. Hoxe as conquistas das mulleres no mundo occidental alcanzaron un alto grado de igualdade formal pero esta igualdade, en moitas ocasións é enganosa como comprobamos hoxe ca existencia da chamada “fenda salarial “na que as mulleres perciben soldos inferiores as dos varóns polo mesmo traballo”.

Adicar un día a eliminación da discriminación das mulleres é absolutamente insuficiente se non se acompaña de un cambio profundo en todos os ámbitos privados e públicos.

Comentarios