Promesa por escrito: non haberá troika

A Comisión Europea envía unha carta ao Eurogrupo dando seguridade aos Estados que usen o Mecanismo Europeo de Estabilidade de que non haberá intervención nin exixencia de reformas estruturais por parte dos "homes de negro".
2020050814441528772
photo_camera Á esquerda, o vicepresidente da Comisión Europea, Valdis Dombrovskis, e á dereita, o comisario de Economía, Paolo Gentiloni (Jennifer Jacquemart / dpa)

As reticencias de Italia a botar man do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) para facer fronte á crise provocada pola pandemia obrigou a Comisión Europea a remitir unha carta ao presidente do Eurogrupo, Mário Centeno, poucas horas antes da xuntanza que os 19 ministros de Economía da Eurozona mantiveron onte co fin de ultimar detalles e deixar o fondo listo para usar. O compromiso é claro: non haberá troika.

No tirapuxa entre Gobernos, o italiano capitaneou a posición que defendía a emisión de débeda comunitaria, os coronabonos, como a mellor solución para conseguir financiamento. Porén impúxose a liña marcada por Alemaña de usar as ferramentas xa existentes, como o MEDE. Iso si, con matices: o fondo debe vincularse exclusivamente coa actual crise.

Porén, Roma mantiña a desconfianza de que o seu uso supuxese posteriormente as temidas visitas que a troika levou a cabo tras a crise do euro. Os tamén coñecidos como "homes de negro", é dicir, os equipos de inspección da Comisión, do Banco Central Europeo (BCE) e do Fondo Monetario Internacional (FMI), impuxeron duros recortes a Estados que, como Grecia, solicitaron o rescate económico.

Sen misións 'ad hoc'

Asinada polo vicepresidente da Comisión, Valdis Dombrovskis, e o comisario de Economía, Paolo Gentiloni, datada en 7 de maio e composta por oito puntos, a misiva sinala no segundo: "A Comisión considera que, baixo as circunstancias da crise da COVID-19 e á vista da natureza do MEDE, non hai intención de activar os artigos 3(3) e 3(4) do Regulamento (UE) Nº 472/2013 en relación á declaración e información adicionais sobre o sistema financeiro".

No terceiro: "(...) a Comisión non levará a cabo misións ad hoc sobre o terreo". No cuarto: "(...) a Comisión non ten intención de activar o artigo 3(7) (...) designado para xestionar dificultades estruturais internas." No quinto: "o artigo 7 (...) que fai referencia ao programa de axustes macroeconómicos non é aplicábel". E no oitavo, insiste: "a Comisión non contempla a posíbel activación dos artigos 14(2) e (4) (...) relacionados con informes sobre o sistema financeiro e a necesidade de adoptar medidas correctivas."

O compromiso do Executivo europeo é claro: non haberá troika.

Comentarios