Imprimir

Prohibido parir: a Xunta estuda centralizar os partos nas cidades

Lucía Rodríguez | 06 de xaneiro de 2020

Nais, matronas e veciñas protestan contra antes as portas do CHUO contra o traslado do servizo de partos desde Verín (Imaxe: Marcha Mundial das Mulleres)
Nais, matronas e veciñas protestan contra antes as portas do CHUO contra o traslado do servizo de partos desde Verín (Imaxe: Marcha Mundial das Mulleres)
O feche da sala de partos do hospital de Verín abanea o escenario político galego. Mentres desde a Consellaría de Sanidade xustifican a decisión en base a criterios de carácter técnico, os colectivos en defensa da sanidade pública considérana unha medida política dirixida a desmantelar os servizos sanitarios na Galiza non urbana

O 1 de decembro de 2019 deixa de funcionar a sala de partos do hospital de Verín. Segundo manifestan desde o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a decisión responde "ao consenso entre as sociedades científicas e profesionais, que indican que debe existir un número mínimo de partos para garantir unha atención segura e de calidade, e minimizar os riscos para a saúde". A proposta das responsábeis sanitarias, conforme ás recomendacións do Ministerio de Sanidade, baseadas nos procedementos do American College of Obstetricians and Gynecologist, cifra o número mínimo de partos anuais en 600.

Os argumentos empregados polo Goberno galego para fechar a sala de partos de Verín son de aplicación ao resto dos hospitais comarcais. Os datos oficiais, recollidos nas memorias de 2018 dos sete hospitais comarcais, suman para o conxunto dos centros un total de 1.847 nacementos e unha media de 236 bebés por ano. Á cabeza atópase o hospital do Salnés, cun total de 547 partos, seguido dos 350 de Burela, dos 318 de Monforte, dos 312 de Ribeira, dos 218 de Cee, dos 103 do Barco de Valdeorras e dos 98 de Verín.

Os datos sobre seguridade ofrecidos polas propias xinecólogas e xinecólogos do hospital de Verín desmenten as dúbidas lanzadas desde a Consellaría de Sanidade. Segundo sinala a Nós Diario o xefe do servizo de Xinecoloxía do hospital de Verín, Xavier Castrillo, "os dados perinatais no Hospital de Verín son francamente bos, moi bos. Temos rexistrados uns 3.000 partos. Non houbo nin unha soa morte fetal intraparto. Nin unha. Complicacións graves en obstetricia, practicamente ningunha. É dicir, non se deron casos dun neonato que tivese que ser atendido debido a unha patoloxía grave por un mal manexo do parto".

O Executivo de Alberto Núñez Feixoo esquece na súa decisión algunhas das consideracións achegadas nas recomendacións do Ministerio de Sanidade empregadas para clausurar a sala de partos do hospital de Verín. Así, ao tempo que sinala como "prudente" non dotar aqueles hospitais que non teñan "unha área de poboación que xere unha demanda de 600 partos ao ano", esquecen a excepción fixada para aquelas zonas "que por razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade así o aconsellen". A este respecto, a CIG denuncia "que a grande maioría das poboacións da zona atópanse a máis dunha hora de distancia de Ourense".

Centralización de servizos

Os argumentos das autoridades sanitarias non convencen a cidadanía da comarca de Monterrei. Neste sentido, a equipa de Xinecoloxía do centro verinés critica o Sergas por "empregar supostos criterios técnicos" para xustificar a supresión da sala de partos e por  "aplicar recortes e desmantelar os hospitais comarcais", mentres lembra que "desde a apertura do centro en 1994 nunca se acadaron os 200 partos na área sanitaria". Pola súa banda, Fernando Rivas, membro de SOS Sanidade Pública, indica que "manter ou non unha sala de partos é un tema de xestión".

A totalidade das corporacións dos concellos afectados, forzas políticas e colectivos cidadáns tamén expresan o seu rexeitamento á decisión do goberno galego. Mentres o tenente alcalde de Verín polo BNG, Diego Lourenzo, afirma que "os argumentos da Xunta da Galiza son escusas coas que tapar o verdadeiro motivo deste feche, que é económico e que agocha un afán por centralizar os servizos sanitarios na capital e desmantelar o rural", Ana Villarino, alcaldesa do PP de Oímbra, esixe solucións a Núñez Feixoo e a Xosé Manuel Baltar.

A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/prohibido-parir/20200103095840089129.html


© 2020 Nós Diario