Opinión

"Os progres": ascenso e decadencia

No ano 76 e 77 aínda a policía de Franco e a ultradereita armada mataba obreiros e estudantes mais tamén coexistían ensaios de liberdades. Por aqueles día un grupo de teatro catalán “Els Joglars” fora xulgado e condenado por un tribunal militar por algunha cousa nunha obra teatral (acho que se titulaba “Alias Serrallonga”, non me fagan moito caso), varios actores foron a prisión e houbo un que fuxiu a Francia.

Houbo unha relativamente grande campaña de apoio na opinión pública que hoxe non sería posíbel, daquela aínda non existían as embrutecedoras televisións privadas e había unha certa disposición na xente a “a ver o que vai pasar e a ver se vai ser verdade que pode haber unha España distinta”. A realidade insoportábel e mala de crer é que a España de hoxe é máis franquista que a do final dos anos setenta. Hoxe non existe debate social ningún, fóra das redes sociais, sobre a supresión da liberdade de expresión e o cárcere a “rapeiros”, sindicalistas, dirixentes cataláns, calquera que fale libre...

O caso é que foi o mesmo Antoni Tàpies, de non lembrar eu mal, quen deseñou unha careta coa boca tachada e que pasou a simbolizar a denuncia da represión da liberdade de expresión. E o tal fuxido a Francia resultou ser Albert Boadella, un golfo como hai tantos que co paso dos anos acabou por emigrar de Catalunya á corte e alí a vivir do exquisito pan branco que puxo á súa disposición a virreina madrileña, dona Esperanza Aguirre. E aí o está o Boadella a facer escarño dos seus compatriotas presos e a recibir a benzón da TVE do PP e de toda a prensa do búnker madrileño. Este é un tempo no que a xente honrada vai presa e medran os canallas.

A realidade insoportábel e mala de crer é que a España de hoxe é máis franquista que a do final dos anos setenta

 

Boadella representa perfectamente o grande engano, a fraude que foi este ensaio de democracia franquista, un pacto entre franquismo e liberdade fanado desde o principio e que acabou por mostrarse irremediábelmente fracasado. Hai un par de días outro xornal do búnker entrevistaba con cariño e abundancia a outro actor, José Sacristán, que tras a morte de Franco conseguiu aura de varón serio e comprometido (hóuboos de verdade, como Lola Gaos ou Juan Diego...) e aproveita para darlle unha volta de chave máis á cela onde moran os presos políticos cataláns, algo así como “no sé de que se quejan”. Aparte de louvar a monarquía.

Nestes últimos tempos a disidencia valente da sociedade catalá retratou a todo quisque, caeron as caretas. Tras a careta deseñada por Tàpies ocultábase toda caste de vividores ao son da España que inventaron, primeiro con diñeiro alemán e logo co erario público, González e Guerra; todos e todas eran “progres”, unha categoría ideolóxica e social que se xustificaba por si mesma. Non eran precisos os actos, que teñen consecuencias, bastaba ser “progre” para estar limpo e encontrar a cumplicidade. E así, toda a xente que aparecía en “El País” ou a “Ser” ou as dúas cousas eran os e as progres por antonomasia, non era tanto o que fixesen ou dixesen senón que eran “de los nuestros”.

Aí o está o Boadella a facer escarño dos seus compatriotas presos e a recibir a benzón da TVE do PP e de toda a prensa do bunker madrileño. Este é un tempo no que a xente honrada vai presa e medran os canallas.

 

O terrorismo vasco e a morna corrupción e autocompracencia pujolista axudaban a definir un marco “progresista”, nin bárbaros etnicistas vascos nin burgueses identitarios cataláns, o guai e o progresista era o que criaba e emanaba desde o centro da meseta, as badaladas de La Puerta del Sol. Cando alguén conte con graza o espectáculo da política española, ademais dos dous pillos sevillanos, G e G, do antropófago Fraga, do garda do sepulcro do Cid e Isabel a Católica, do Zapatero “el de la culpa” e do veraneante cínico que é Rajoy haberá que incluir a un ácrata que logo de defender a Herri Batasuna de cando ETA mataba a base de ben pasou a ser teórico e fundador de UPyD ou de C's, que xa non se sabe ben, dun que presumía de pistoleiro de ETA e pasou a ser deostador do vasquismo, teórico españolista e cargo político do PP ou dun escritor peruano residente en Londres, París, New York que nos sinala aos malos españois e se transforma en árbitro da españolidade desde un púlpito do búnker madrileño. Tanto mamaloneo, tanto pijerío imbécil.

Un que presumía de pistoleiro de ETA pasou a ser a deostador do vasquismo

 

Vaites coa fraude, vaites co calote fulero. Así levamos vendo aos que apareceron para esixirlle ás autoridades catalás garantías nun referéndum celebrado baixo os paus deste estado represor calando como petos cando o estado lle bateu aos seus concidadáns, cando meteu presos preventivamente aos seus gobernantes.... E temos lido e ouvido chistes e burlas dos presos...Tantas cumplicidades cun estado represor, tanta identificación coa “unidad” da nación española a costa da persecución das outras nacións. O que levamos presenciado nos últimos tempos é como os supostos progresistas tiñan alma de carcereiro voluntario. E a súa ranciedade, como atufan a cotra franquista e españolismo reseso.

O que levamos presenciado nos últimos tempos é como os supostos progresistas tiñan alma de carcereiro voluntario

 

A vida pública española, a galega naturalmente, está podre. A España que representan os medios volve ser a das procesións franquistas e o que ocultan, a represión en Catalunya e da liberdade de expresión en xeral, a realidade deste Reino de España borbónico. E os figuróns que ocuparon o espazo público respectados sen un merecemento previo unha grande fraude que deixa estragos sentimentais, a sensación en moita xente de sentirse confundida, enganada e estafada. Porque realmente estes anos foron iso, unha estafa democrática.

Comentarios